Dous anos sen avances municipais para preparar Ames para o devalar enerxético

O pasado xoves 23 de marzo puidemos asistir no Milladoiro ao pleno municipal da corporación de Ames convocado para facer balance ante a cidadanía dos primeiros 22 meses de goberno municipal tripartito PSOE-BNG-ContigoPódese. Nas dúas primeiras horas (non puidemos asistir á parte final do pleno) comprobamos que a preparación de Ames, o seu concello e a súa veciñanza para o final da Era da enerxía fósil estivo completamente ausente do que alí se expuxo e debatiu. De facto, apenas si houbo algunhas escasas mencións puntuais a cuestións relacionadas coa enerxía. Os representantes do goberno municipal defenderon que o seu goberno non fora en absoluto “continuísta” co anterior goberno (PP), mais no que atinxe ás medidas expostas nada nos leva a pensar que estean a ter en conta o Peak Oil e mais o proceso de crise terminal da nosa civilización ao que este nos aboca. Xa que logo, si que hai un considerable “continuísmo”, polo menos no que toca a este tema tan trascendental e que tanto vai afectar (está afectando xa, en forma de crise económica, paro, etc.) ás persoas que vivimos en Ames. O goberno anterior tampouco podería alegar total descoñecemento, pois o concelleiro Bernardo Moar recibira en 2012 documentos suficientes para comprender a gravidade da situación e a necesidade de actuar. Mais este goberno é o primeiro que ten un coñecemento amplo da cuestión e que fixo acuse de recibo das advertencias que lle presentamos as persoas que divulgamos e facemos activismo sobre a cuestión.

Certo é que este goberno municipal fixo no ano 2016 algo moi concreto neste sentido, e que non podemos deixar de lle recoñecer: apoiar a difusión que desde a nosa asociación, Ames Pospetróleo, fixemos do problema con senllas presentacións públicas en Bertamiráns e no Milladoiro do tema do Peak Oil, coa emisión nas respeitivas casas da cultura, do documental Non hai mañá, con presenza do alcalde José Miñones e diversos membros do goberno municipal, así como de Ames Novo. Porén, semella ter quedado todo aí. Non negamos que certas medidas das que se explicaron onte poidan ser útiles para preparar a veciñanza e a propia entidade municipal ante o devalar enerxético en cuxas primeiras fases nos achamos inmersos, como poden ser: bonificacións do IBI para persoas que instalen sistemas de captación de enerxías renovables nos seus fogares, ou a contratación (moi parcial, polo que coñecemos) do subministro eléctrico coa cooperativa galega de renovables Nosa Enerxía. Mais son, claramente, medidas insuficientes, illadas e que non se están a tomar precisamente dentro dunha estratexia firme, trasversal e convencida, para afrontar a radical trasformación social que require a consciencia de que este modelo civilizatorio baseado no petróleo (e outras enerxías finitas) chega á súa fin e de que cómpre urxente e profundamente actuar desde os poderes públicos para preparar o novo modelo máis local, máis resiliente e menos consumidor de enerxía e materiais. Outras medidas das que está a pór o Concello en marcha como o saneamento das contas públicas, a redución dos custos financeiros, os comedores escolares baseados en alimentos de proximidade, etc. así como outros que non se mencionaron onte, pero que coñecemos, como a ampliación das hortas urbanas ou a prohibición dos praguicidas, ou a creación dunha moeda local (disimulada baixo a forma de puntos para gastar nos comercios cando se entregan residuos nos Puntos Limpos) recoñecemos que teñen utilidade neste camiño e alédanos que se manteñan ou se realicen avances nesas direccións. Porén, son tan escasos, tan tímidos e inconexos que non podemos recoñecer neles unha estratexia definida e seria de preparación social para o colapso da civilización industrial, para a fin do petróleo nin para a fin do crecemento económico.

Tampouco vimos nestas dúas primeiras horas do pleno realizado no Milladoiro que a oposición lle reclamase ao goberno esta ausencia de planificación para o devalar enerxético, malia ter constancia de que, polo menos boa parte dela (Ames Novo e Pacto x Ames), son perfectamente conscientes da existencia do problema, polos contactos realizados pola nosa asociación durante a campaña electoral previa ás últimas eleccións municipais. Semella que nin os membros do goberno nin da oposición queren facer uso desa consciencia do problema para promover actuacións expresamente destinadas a preparar a cidadanía. Será que se coñece pero que non se considera unha prioridade? Será que se pretende actuar dalgunha maneira sutil e disimulada, baixo o radar, sen lanzar unha mensaxe difícil de aceptar pola cidadanía, polo que de descoñecido ten o problema e por non seren os augafestas que lle poñan o axóuxere ao gato? A día de hoxe descoñecemos o motivo.

Coidamos, en calquera caso, que aínda está a tempo este goberno (e mais a oposición que queira ser construtiva e estar á altura do grave momento histórico que vive non só Ames senón o mundo enteiro), de tomar as medidas precisas. Sería especialmente importante reaccionar antes de que os impactos máis visibles do devalar do petróleo se fixeren presentes entre a cidadanía amesá, como serán os desabastecementos enerxéticos, de alimentos ou de outras materias de primeira necesidade, algo que analistas de prestixio internacional como Antonio Turiel sitúan probablemente nos vindeiros anos, é dicir no noso futuro inmediato. Esperemos que este goberno non crea que non lles vai tocar a eles, e que pensen que segan ou non a gobernar eles de aquí a 3 anos, é o seu deber moral como responsables públicos, tomar xa as medidas precisas (e non apenas algúns xestos inconexos) para evitar as peores consecuencias deste colapso aos seus conveciños e conveciñas. Unha destas oportunidades que semellan aínda estar abertas ten que ver co Plan de Emerxencias mencionado onte no pleno polo alcalde. Será que poderán incluír nel un plan específico de continxencia ante un desabastecemento enerxético que tarde ou cedo ha bater tamén no noso concello? Porque lembremos que Ames non ten petróleo de seu, e que é totalmente dependente do exterior nos combustibles que moven vehículos públicos e privados, e numerosa maquinaria de uso municipal e empresarial, e outras substancias derivadas del. Por non falar da dependencia e falta de resiliencia noutros aspectos enerxéticos (como o fornecemento de electricidade) e non enerxéticos.

As medidas que lle reclamamos ao goberno do noso municipio (e que foran recollidas en http://ames.pospetroleo.com, algunhas das cales os propios grupos que forman parte do goberno se comprometeron en campaña electoral a incorporar á súa acción de goberno, son medidas factibles e en moitos casos pouco custosas en termos económicos. É agora, cando se están a negociar e aínda non se presentaron a aprobación, os orzamentos municipais, cando se ten que demostrar con feitos e con partidas orzamentarias que se van tomar medidas claras e contundentes para camiñar cara a un Ames que non dependa dos combustibles fósiles. Porque non facelo sería agachar a cabeza diante un problema que está aí, que os representantes de PSdeG, BNG e Contigo Pódese saben que está aí, e que non por non ollar para el vai deixar de ter un impacto demoledor sobre a normalidade da vida en Ames.

Animamos, xa que logo, ao goberno municipal a actuar xa, por medio destas liñas de actuación orzamentaria e mais do Plan de Emerxencias municipal, así como doutras que aínda dá tempo a abrir na segunda metade do seu mandato. Consolídense as medidas xa en marcha que poidan ter utilidade e íntegrense con outras máis específicas. Explíquese á cidadanía o valor que teñen para prepararnos para o devalo enerxético e para a mudanza climática, que tamén en Ames nos está a afectar cada ano con máis forza. Contan con argumentos de sobra, co noso decidido apoio e colaboración, e seguramente co das forzas da oposición máis responsables. E fáganno tamén abrindo á participación da cidadanía todas estas medidas; se son quen de promover o coñecemento do grave momento histórico ante o que estamos, a xente saberá comprender o que debe ser feito e poderán apoiar todas estas medidas que desde a nosa pequena organización lles reclamamos e mesmo propór outras que nazan da iniciativa veciñal.

É hora de estarmos todos á altura desta grave situación.

Advertisements

Celebrouse o 1º acto de presentación de Ames Pospetróleo en Bertamiráns

Foto: Ames Pospetróleo

Foto: Ames Pospetróleo

O pasado sábado 4 de xuño pola maña, unhas corenta persoas acudiron á Casa da Cultura de Bertamiráns para asistir á presentación da asociación Ames Pospetróleo.

O acto foi presentado pola xornalista Rebeca Fernández Hermo, e contamos coa participación de Xoán Doldán, vicepresidente da asociación Véspera de Nada e profesor de economía aplicada na USC.

Abriuse o acto coa proxección do documental Non hai mañá, de Dermot O’Connor, e tras a intervención de Xoan Doldán, que falou brevemente da asociación Véspera de Nada e da Guía para o descenso enerxético, achegando tamén unhas maxistrais explicacións sobre a situación actual da economía en relación ao devalar enerxetico, foi a quenda de Emilio Román Leis, presidente de Ames Pospetróleo, quen falou ao público asistente acerca da orixe, fins e actividades da asociación.

Rebeca Hermo, Xoán Doldán e Emilio Román. FOTO: Ames Pospetróleo.

Rebeca Hermo, Xoán Doldán e Emilio Román. FOTO: Ames Pospetróleo.

Tras as presentacións, comezou unha animada quenda de intervencións do público asistente, que fixo numerosas preguntas e observacións acerca de cuestións relacionadas co Teito do Petróleo, as súas consecuencias e as accións que desenvolver para tratar de paliar os seus efectos; cuestións que trataron dende a dificultade de facer divulgación do problema —e mesmo de falar del con amigos, familiares ou compañeiros de traballo— pasando por distintas estratexias para facer fronte ao problema, cuestións arredor do capitalismo, o crecemento e o decrecemento, a discusión dos efectos que poidan ter cuestións como a eficiencia enerxética ou mesmo o impacto presente e futuro da robótica no mercado de traballo. Nas intervencións foi salientable a participación dun grupo de rapazas e rapaces do Instituto de Bertamiráns.

Capa do informe 'Límites revisitado', do Parlamento Británico (trad. de Véspera de Nada).

Capa do informe ‘Límites revisitado’, do Parlamento Británico (trad. de Véspera de Nada).

Malia que o alcalde de Ames —ao que lle iamos entregar unha copia de Límites Revisitados, informe sobre os límites do crecemento elaborado por un grupo interpartidista do parlamento británico recentemente traducido por Véspera de Nada— non puido acudir ao acto, entre o público asistente atopábanse dúas integrantes do goberno municipal: a concelleira de Economía e Facenda Genma Otero (Contigo Pódese) e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación Isabel Vaquero (BNG); tamén asistiu, por parte da oposición, Chus Boo (Ames Novo).

Tanto Isabel Vaquero como Genma Otero interviron amosando o seu interese pola cuestión do Peak Oil, celebrando a posta en andamento da nova asociación Ames Pospetróleo e falando das accións que se están levando a cabo por parte do goberno municipal que poden ter algún efecto sobre as súas consecuencias: salientaron particularmente a auditoría enerxética e a substitución progresiva dos puntos de luz do concello, así como as accións desenvolvidas e os proxectos en marcha en relación coas hortas urbanas —este último punto foi concretado pola responsable municipal da Aula de Natureza, tamén presente no acto—. Tamén coincidiron en resaltar os atrancos e dificultades que presenta a lexislación vixente para tomar medidas que poderían ir na boa dirección, mencionando particularmente a dificultade de introducir cláusulas sociais (ou ecolóxicas) na contratación municipal, ou primar nesta ás cooperativas (de enerxía p.ex.) fronte a outras empresas.

Tamén manifestaron o seu interese por coñecer iniciativas pospetróleo e de Cidades en Transición que se estean levando a cabo noutros concellos; nese senso, Xoan Doldán aproveitou para convidalas á Xuntanza Ibérica de Iniciativas Decrecentistas que será organizada pola asociación Véspera de Nada neste ano con data e lugar por concretar.

Recoñecendo igualmente a importancia da divulgación para concienciar á poboación do problema e as súas consecuencias, convidaron a Ames Pospetróleo a proxectar o documental nos institutos de Ames, actividade que entra directamente nos obxectivos da nosa asociación e que estaremos encantados de levar a cabo. Tamén se amosaron dispostos a manter reunións para estudar a aplicación nas diversas áreas de competencia municipal das medidas propostas e que xa publicáramos de forma previa ás últimas eleccións municipais no wiki de Municipios.Pospetroleo.com.

En conxunto, unha xornada satisfactoria que agardamos repetir o vindeiro venres 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 h. Como entidade que aposta por reducir a necesidade do transporte, quixemos ofrecer ás veciñas e veciños dos dous núcleos urbáns de Ames a posibilidade de asistir á nosa presentación sen ter que facer uso do vehículo privado, e de aí que fagamos senllos actos en cada un deles. Convidamos a todas as persoas interesadas en coñecer como o descenso enerxético vai condicionar as nosas vidas en Ames, a asistir á nova proxección do documental e posteriores presentacións e debate.