Medidas pospetróleo no programa de Ames Novo

logo-ames-novoEsta é a nosa avaliación de urxencia feita sobre a última das candidaturas coas que nos reuníramos, Ames Novo, tras ter analizado anteriormente os programas finais de Pacto x Ames, PSdeG e BNG. Facemos notar que está baseada unicamente nun documento interno que contén soamente parte do programa completo (concretamente a área MODELO DE MUNICIPIO E SUSTENTABILIDADE), que aínda no momento de publicar isto, menos de 24 h antes de rematar a campaña electoral, non vimos que fora feito público por esta candidatura por medio do seu web oficial nin nas redes sociais online. Así, non puidemos contrastar por exemplo as medidas que no terreo económico propón Ames Novo.

En rasgos xerais o documento que nos remitiron fai moita incidencia no concepto de sustentabilidade, mais non fai mención ningunha ao Teito do petróleo ou Peak Oil e ao decrecemento fáiselle unha mención fugaz nun subapartado, así como a unha transición enerxética que non se define. Algunhas medidas puntuais coinciden moito coas que nós lles propuxéramos, pero a grandes rasgos non se fai moito énfase no decrecemento enerxético máis aló do aforro económico e certo interese medioambiental.

Atopamos coincidencias, ben sexan totais ou parciais, nas seguintes medidas:

  • 1.2 PLAN DE NECESIDADES DE ESPAZOS – ESPAZOS NATURAIS: Ó mesmo tempo levarase a cabo o mantemento e ampliación da oferta de HORTAS URBANAS.
    (Non coincide con todo o que nos propuxemos na medida [U01] Promoción da horticultura urbana, pero vai nesa liña.)
  • 1.4 PLAN de REACTIVACIÓN E REESTRUCTURACIÓN DE FUNCIÓNS DE INSTALACIÓNS DE USO PÚBLICO.
    (Aquí fala das escolas unitarias, igual que na nosa proposta [X26] Aproveitamento das escolas unitarias para a resiliencia das parroquias, aínda que non queda claro que o fin sexa a resiliencia das parroquias)
  • 2.2 ENERXÍA: Revisar e reformar as taxas municipais relacionadas coa promoción da transición enerxética.
    (Si coincide coa nosa proposta [F01] Reforma xeral dos tributos e taxas municipais para favorecer a transición enerxética, aínda que sen maior detalle non podemos saber ata qué punto se formula unha fiscalidade como a proposta por nós.)
  • IMPLANTACIÓN PROGRESIVA DE SISTEMAS QUE UTILICEN ENERXÍAS RENOVABLES EN INSTALACIÓN PÚBLICAS.
    (Tamén está algo na liña da nosa proposta [U11] Reforma dos edificios municipais para o aforro enerxético, aínda que obviamente trocar os sistemas de abastecemento enerxético a enerxía renovable non asegura que se reduza o consumo, que para nós son cousas que deben ir expresamente unidas, primando sempre o aforro total no consumo.)
  • 2.4 TRATAMENTO DE RESIDUOS. Medidas como a AVALIACIÓN DO SERVIZO DA PLANTA DE COMPOSTAXE de LOUSAME ou POTENCIAR E FACILITAR O USO DE COMPOSTEIROS NA UNIDADE FAMILIAR.
    (Contén algúns dos puntos da nosa proposta [X15] Plan para a redución do lixo e a prol da compostaxe.)
  • En 3. MOBILIDADE tamén atopamos algunhas coincidencias: O concello promoverá unha forte restrición do uso do automóbil, a través da iniciativas de tráfico pacificado, os camiños escolares, etc e fomentar intensamente os xeitos de transporte sustentábeis (peonil, bicicleta, transporte colectivo), complementario dunha campaña de fomento do consumo local facendo fincapé no custe enerxético do transporte (mochila ecolóxica).
    (Está relacionado coas nosas propostas [T01] Plan para a redución do uso de automóbiles privados e [T02] Plan de promoción do uso da bicicleta.)
  • 3.2 POTENCIACIÓN DO USO DO TRANSPORTE PÚBLICO E RESPONSABILIDADE NO PRIVADO e a medida AMPLIACIÓN DAS FRECUENCIAS HORARIAS (especialmente na fin de semana.)
    (Coincide coa filosofía dunha das medidas propostas en [T04] Programa de ampliación do transporte público. De todos xeitos non é nada claro o que significa potenciar a responsabilidade no transporte privado.)
  • CAMPAÑAS PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCCIÓN.
    (O título coincide claramente con [T10] Campaña para o aforro de combustible na condución.
  • MOBILIDADE PEONIL.
    (Semella cadrar en gran medida coa nosa proposta [T06] Programa para favorecer os espazos peonís.)
  • Declarar Ames libre de transxénicos.
    (Coincide coa nosa [X10] Declaración de zona libre de transxénicos.)
  • Potenciar o consumo local responsable, potenciando o asentamento de mercados de alimentos de proximidade.
    (semellante a [E14] Programa de apoio ao comercio e á distribución local. Como non explican máis polo miudo, non sabemos se tamén estarán pensando en [E03] Recuperación dos mercados locais de alimentos. Tampouco puidemos ver o documento de economía para ver se esta promoción do consumo local vai acompañada dun pulo pola produción local, nin de qué tipo de produtos, aparte dos alimentares, que si se mencionan no punto 6, como veremos máis adiante.)
  • 5.2 XORNADAS DE FORMACIÓN.
    (Atopamos una semellanza con algunhas das propostas que facemos en [X05] Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo. Fálase de condución responsable, a mochila ecolóxica dos produtos que consumimos, redución da produción de residuos, o decrecemento, técnicas de cultivo en ecolóxico, coñecemento da flora e fauna do Concello, identificación de plantas silvestres comestibles…, cousas todas eles importantes e referidas por nós, mais non se fala do Teito do Petróleo, permacultura, bioconstruccion, e outros moitos puntos importantes para adaptarnos a unha vida pospetróleo, e tampouco se declara expresamente que estes plans de formación teñan ese obxectivo último.)
  • 6.DEFENSA DA SOBERANÍA ALIMENTARIA E APOIO Ó SECTOR PRIMARIO PARA MANTER UN RURAL VIVO. Falan de Impulsar dende o concello as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos dos produtores e produtoras e incentivar o consumo de alimentos locais fomentando a recuperación de espazos de cultivo.
    (Que pode estar relacionado con [E15] Promoción da produción local de alimentos.)

En breve, tras a publicación deste post de urxencia, procederemos a indicar no wiki de Municipios.Pospetroleo.com cales das medidas propostas por nós para Ames foron asumidas, co cal xa as persoas con dereito a voto o vindeiro domingo 24 poderán tomar unha decisión en base ás recollidas por cada formación.

Advertisements

Xuntanza con Ames Novo acerca das medidas para un Ames pospetróleo

logotipo-ames-novoOnte, venres 13 de marzo, tivemos a segunda das nosas xuntanzas cos grupos políticos que se van presentar ás eleccións municipais en Ames. Desta volta foi a xente de Ames Novo con quen nos encontramos, no Café Babia do Milladoiro, nunha intensa reunión de dúas horas. Dado que varios dos participantes no encontro xa coñecían a cuestión do Teito do Petróleo —de feito presentaran con Véspera de Nada a Guía para o descenso enerxético hai uns meses—, a xuntanza estivo centrada en falar sobre as propostas concretas que lles levabamos e que xa tiña analizado polo miúdo a súa responsable de Sustentabilidade e Mobilidade, a ecosocialista Chus Boo. Ademais dela, estiveron presentes a nº 1 da lista e candidata á alcaldía, Pilar Candocia; Manel Pardo, nº 11 da lista; e Paulo Rendo, tamén membro de Ames Novo. Por parte de Ames Pospetróleo asistimos Emilio Román e Manuel Casal.

Como froito da conversa, habemos mellorar algunhas das propostas, para facer unha redacción máis clara e precisa. Tamén nos forneceron información de interese sobre algunhas cuestións sociais, problemas no rural, do sistema de xestión do lixo, dos Puntos Limpos, dos locais das escolas unitarias, do transporte, do proxecto Amorodo e outros temas que nos servirán para completar as medidas que estamos a lles propor a eles a a outros grupos políticos que aspiran a gobernar Ames. Tamén lles aclaramos que esas medidas non están estruturadas dunha maneira directamente trasladable aos programas de cada formación —o cal sería imposible— senón que máis ben son ladrillos, items individuais, meramente agrupados por áreas, para que despois eles debatan internamente, e vexan de incorporar dentro do seu programa dunha maneira coherente e adaptada ao resto do programa que presenten aos cidadáns. Ames Novo comprometeuse a facelo e xa adiantaron que comparten plenamente a “filosofía” das propostas e que, de feito, xa moitos dos puntos os tiñan no seu pre-programa.

Debatimos tamén acerca da necesidade de diferenciar o tema da sustentabilidade, non considerándoo nin a efectos prácticos de goberno nin tampouco simbólicos —como se presenta á cidadanía— como un área máis de goberno, senón que debería ser xerarquicamente “a base” de toda acción, dentro dunha formulación máis integral do goberno municipal e menos estruturada por áreas independentes. Pilar Candocia aclaraounos que, se gobernaban, ela xa ía levar un área como é a Social, ademais das responsabilidades de alcaldesa, e que a Sustentabilidade tiña que recaer noutroa persoa, neste caso Chus Boo, pero que iso non quitaba para que fose un área totalmente trasversal e que, mesmo máis, as accións de goberno das outras áreas pasarían necesariamente pola aprobación da concellaría de sustentabilidade, estabelecéndose así unha relación do tipo da que nós demandabamos, en coherencia cunha candidatura que se recoñece “de base decrecentista”.

Boa parte da xuntanza xirou en torno á factibilidade de determinadas medidas. Así, debatimos moito sobre a viabilidade de impulsar unha moeda local, ao estilo doutras que xa están a funcionar noutros lugares, que nós consideramos factible poñelo en marcha nos vindeiros catro anos pero eles veno con moito máis escepticismo e dúbidas sobre o seu funcionamento. Os e as representantes de Ames Novo incidiron en dificultades concretas para levar certas medidas no programa, no que non queren incluír “promesas” (aí coincidiron co que nos expresaran os representantes do PSOE), senón unha “filosofía de goberno”. Nós fixémoslles ver o difícil que é fiscalizar unha “filosofía” que non se plasme nun programa concreto de goberno e que a dúbida acerca de que vaian dispor dos recursos precisos para levar á práctica todas as medidas incluíbles nun programa, podería solventarse incluíndo unha serie de medidas básicas (o cal xa tiñan previsto) pero complementadas con outras que serían postas en marcha de maneira condicionada á dispoñibilidade de recursos. Afirmaron que non sabían como se habían atopar o concello, no caso de gañaren responsabilidades de goberno, e que polo tanto non sabían ata qué punto ían poder facer cousas, o cal os levaba a autolimitarse á hora de incluír medidas no programa. Tamén falaron de limitacións legais e de competencias que debían asumir outras administracións ou un futurible goberno metropolitano da comarca de Compostela.

Saiu a debate repetidamente a cuestión do tempo, do ritmo ao que se deberían aplicar as medidas propostas para preparar Ames para a vida sen petróleo. Eles reiteraron que tiñan que pensar a 4 anos vista, de maneira análoga ao que nos explicaron no PSOE, e nós fixémoslles ver que era preciso pensar a máis longo prazo e poñer as bases da resiliencia do concello agora que aínda se podía, e que posiblemente dentro de 4 anos as cousas terían mudado moito a peor no sentido de dispoñibilidade de recursos e emerxencia socioeconómica, baseándonos nos cálculos de, entroutros, os asinantes do Manifesto Derradeira Chamada. Se cadra non atopamos unha clara conciencia desta situación, do escaso tempo de que van dispoñer os gobernos municipais que emanen das eleccións de maio, para prepararen os seus municipios para uns impactos rapidamente agravados do Teito do Petróleo. Quixemos que fosen conscientes de que lles pode tocar gobernar Ames no lustro máis decisivo non só para este concello, senón para o conxunto da Humanidade.

Por suposto recae neles a responsabilidade de trasladar as medidas que lles propomos a un programa de goberno concreto e realista, e de comunicar axeitadamente á veciñanza de Ames a necesidade e características desas medidas, vendo nelas non só o seu carácter máis ou menos “vendible” ao electorado senón o seu carácter máis ou menos “preciso” para a situación de emerxencia histórica que estamos a vivir. Por suposto isto é unha enorme responsabilidade da que non debe fuxir ningún grupo que aspire a gobernar este ou outro concello, máxime cando saben do problema de fondo do devalar enerxético e da mudanza civilizatoria. Por iso animamos a Ames Novo, como a calquera grupo, a ter valor e imaxinación á hora de trasladar isto á acción de goberno municipal, aínda que eles coiden que teñen “unha capacidade limitadísima para mudar os hábitos da xente”. Aí concordamos en que eles deben un paso por diante da sociedade para promover a mudanza cultural necesaria, aínda que eles ven máis dificultades ca nós nese proceso e pensan nun proceso máis lento e paulatino do que nós coidamos necesario.

Agradecemos a Ames Novo a súa boa disposición e interese polas nosas propostas e ficamos á espera de coñecer cáles delas incorporan, con maior ou menor adaptación ou priorización ao seu programa. Tamén agradecemos que nos ofrezan manter as portas abertas a un diálogo permanente sobre estas cuestións a partir de agora e a tomar parte activa en todo o proceso participativo de elaboración do seu programa para gobernaren Ames.