Comezan as emisións do noso programa de radio: «Vivirmos nun mundo finito»

Vivirmos nun mundo finito, programa de Ames Pospetróleo para Ames RadioHoxe luns 14 de outubro emitirase en Ames Radio, a nosa emisora municipal (no 107.2 da FM), o primeiro dos nosos programas, que baixo o título de Vivirmos nun mundo finito, achegarán cada semana á veciñanza de Ames e da nosa bisbarra os principais conceptos do Teito do petróleo e doutros aspectos do choque da civilización industrial contra os límites biofísicos do planeta.

O programa ten unha hora de duración e ofrecerá unha ampla variedade de formatos: entrevistas, tema da semana, citas de autores, preguntas da audiencia e mesmo música relacionada coa cuestión que abordamos.

Colaborarán habitualmente no programa:

  • Ramom Flores d’as Seixas, profesor da USC e membro de Véspera de Nada.
  • Emilio Román Leis, presidente de Ames Pospetróleo.
  • Manuel Casal Lodeiro, membro de Ames Pospetróleo.
  • Diego Vázquez Camino, membro de Ames Pospetróleo.

manuel-casal-ramom-flores emilio-roman

A hora de emisión do programa é entre as 17:00 e 18:00 h cada luns e será redifundido os martes en horario matinal (9:15 a 10:15 h). Tamén estará dispoñible o audio para descarga no noso blog a partir de hoxe, conformando un arquivo de podcasts a disposición de todas as persoas que desde Ames ou calquera outro curruncho do planeta os queiran escoitar.

A audiencia poderá enviarnos os seus comentarios, consultas, dúbidas, propostas, etc. ao noso email:

ames-pospetroleo-correo-electronico-225x27
no noso blog

Advertisements

Dous anos sen avances municipais para preparar Ames para o devalar enerxético

O pasado xoves 23 de marzo puidemos asistir no Milladoiro ao pleno municipal da corporación de Ames convocado para facer balance ante a cidadanía dos primeiros 22 meses de goberno municipal tripartito PSOE-BNG-ContigoPódese. Nas dúas primeiras horas (non puidemos asistir á parte final do pleno) comprobamos que a preparación de Ames, o seu concello e a súa veciñanza para o final da Era da enerxía fósil estivo completamente ausente do que alí se expuxo e debatiu. De facto, apenas si houbo algunhas escasas mencións puntuais a cuestións relacionadas coa enerxía. Os representantes do goberno municipal defenderon que o seu goberno non fora en absoluto “continuísta” co anterior goberno (PP), mais no que atinxe ás medidas expostas nada nos leva a pensar que estean a ter en conta o Peak Oil e mais o proceso de crise terminal da nosa civilización ao que este nos aboca. Xa que logo, si que hai un considerable “continuísmo”, polo menos no que toca a este tema tan trascendental e que tanto vai afectar (está afectando xa, en forma de crise económica, paro, etc.) ás persoas que vivimos en Ames. O goberno anterior tampouco podería alegar total descoñecemento, pois o concelleiro Bernardo Moar recibira en 2012 documentos suficientes para comprender a gravidade da situación e a necesidade de actuar. Mais este goberno é o primeiro que ten un coñecemento amplo da cuestión e que fixo acuse de recibo das advertencias que lle presentamos as persoas que divulgamos e facemos activismo sobre a cuestión.

Certo é que este goberno municipal fixo no ano 2016 algo moi concreto neste sentido, e que non podemos deixar de lle recoñecer: apoiar a difusión que desde a nosa asociación, Ames Pospetróleo, fixemos do problema con senllas presentacións públicas en Bertamiráns e no Milladoiro do tema do Peak Oil, coa emisión nas respeitivas casas da cultura, do documental Non hai mañá, con presenza do alcalde José Miñones e diversos membros do goberno municipal, así como de Ames Novo. Porén, semella ter quedado todo aí. Non negamos que certas medidas das que se explicaron onte poidan ser útiles para preparar a veciñanza e a propia entidade municipal ante o devalar enerxético en cuxas primeiras fases nos achamos inmersos, como poden ser: bonificacións do IBI para persoas que instalen sistemas de captación de enerxías renovables nos seus fogares, ou a contratación (moi parcial, polo que coñecemos) do subministro eléctrico coa cooperativa galega de renovables Nosa Enerxía. Mais son, claramente, medidas insuficientes, illadas e que non se están a tomar precisamente dentro dunha estratexia firme, trasversal e convencida, para afrontar a radical trasformación social que require a consciencia de que este modelo civilizatorio baseado no petróleo (e outras enerxías finitas) chega á súa fin e de que cómpre urxente e profundamente actuar desde os poderes públicos para preparar o novo modelo máis local, máis resiliente e menos consumidor de enerxía e materiais. Outras medidas das que está a pór o Concello en marcha como o saneamento das contas públicas, a redución dos custos financeiros, os comedores escolares baseados en alimentos de proximidade, etc. así como outros que non se mencionaron onte, pero que coñecemos, como a ampliación das hortas urbanas ou a prohibición dos praguicidas, ou a creación dunha moeda local (disimulada baixo a forma de puntos para gastar nos comercios cando se entregan residuos nos Puntos Limpos) recoñecemos que teñen utilidade neste camiño e alédanos que se manteñan ou se realicen avances nesas direccións. Porén, son tan escasos, tan tímidos e inconexos que non podemos recoñecer neles unha estratexia definida e seria de preparación social para o colapso da civilización industrial, para a fin do petróleo nin para a fin do crecemento económico.

Tampouco vimos nestas dúas primeiras horas do pleno realizado no Milladoiro que a oposición lle reclamase ao goberno esta ausencia de planificación para o devalar enerxético, malia ter constancia de que, polo menos boa parte dela (Ames Novo e Pacto x Ames), son perfectamente conscientes da existencia do problema, polos contactos realizados pola nosa asociación durante a campaña electoral previa ás últimas eleccións municipais. Semella que nin os membros do goberno nin da oposición queren facer uso desa consciencia do problema para promover actuacións expresamente destinadas a preparar a cidadanía. Será que se coñece pero que non se considera unha prioridade? Será que se pretende actuar dalgunha maneira sutil e disimulada, baixo o radar, sen lanzar unha mensaxe difícil de aceptar pola cidadanía, polo que de descoñecido ten o problema e por non seren os augafestas que lle poñan o axóuxere ao gato? A día de hoxe descoñecemos o motivo.

Coidamos, en calquera caso, que aínda está a tempo este goberno (e mais a oposición que queira ser construtiva e estar á altura do grave momento histórico que vive non só Ames senón o mundo enteiro), de tomar as medidas precisas. Sería especialmente importante reaccionar antes de que os impactos máis visibles do devalar do petróleo se fixeren presentes entre a cidadanía amesá, como serán os desabastecementos enerxéticos, de alimentos ou de outras materias de primeira necesidade, algo que analistas de prestixio internacional como Antonio Turiel sitúan probablemente nos vindeiros anos, é dicir no noso futuro inmediato. Esperemos que este goberno non crea que non lles vai tocar a eles, e que pensen que segan ou non a gobernar eles de aquí a 3 anos, é o seu deber moral como responsables públicos, tomar xa as medidas precisas (e non apenas algúns xestos inconexos) para evitar as peores consecuencias deste colapso aos seus conveciños e conveciñas. Unha destas oportunidades que semellan aínda estar abertas ten que ver co Plan de Emerxencias mencionado onte no pleno polo alcalde. Será que poderán incluír nel un plan específico de continxencia ante un desabastecemento enerxético que tarde ou cedo ha bater tamén no noso concello? Porque lembremos que Ames non ten petróleo de seu, e que é totalmente dependente do exterior nos combustibles que moven vehículos públicos e privados, e numerosa maquinaria de uso municipal e empresarial, e outras substancias derivadas del. Por non falar da dependencia e falta de resiliencia noutros aspectos enerxéticos (como o fornecemento de electricidade) e non enerxéticos.

As medidas que lle reclamamos ao goberno do noso municipio (e que foran recollidas en http://ames.pospetroleo.com, algunhas das cales os propios grupos que forman parte do goberno se comprometeron en campaña electoral a incorporar á súa acción de goberno, son medidas factibles e en moitos casos pouco custosas en termos económicos. É agora, cando se están a negociar e aínda non se presentaron a aprobación, os orzamentos municipais, cando se ten que demostrar con feitos e con partidas orzamentarias que se van tomar medidas claras e contundentes para camiñar cara a un Ames que non dependa dos combustibles fósiles. Porque non facelo sería agachar a cabeza diante un problema que está aí, que os representantes de PSdeG, BNG e Contigo Pódese saben que está aí, e que non por non ollar para el vai deixar de ter un impacto demoledor sobre a normalidade da vida en Ames.

Animamos, xa que logo, ao goberno municipal a actuar xa, por medio destas liñas de actuación orzamentaria e mais do Plan de Emerxencias municipal, así como doutras que aínda dá tempo a abrir na segunda metade do seu mandato. Consolídense as medidas xa en marcha que poidan ter utilidade e íntegrense con outras máis específicas. Explíquese á cidadanía o valor que teñen para prepararnos para o devalo enerxético e para a mudanza climática, que tamén en Ames nos está a afectar cada ano con máis forza. Contan con argumentos de sobra, co noso decidido apoio e colaboración, e seguramente co das forzas da oposición máis responsables. E fáganno tamén abrindo á participación da cidadanía todas estas medidas; se son quen de promover o coñecemento do grave momento histórico ante o que estamos, a xente saberá comprender o que debe ser feito e poderán apoiar todas estas medidas que desde a nosa pequena organización lles reclamamos e mesmo propór outras que nazan da iniciativa veciñal.

É hora de estarmos todos á altura desta grave situación.

Entregamos o informe sobre os límites do crecemento ao alcalde José Miñones na nosa presentación no Milladoiro

20160617-cartaz-preparando-ames-sen-petroleo-w800Onte venres 17, celebramos no Centro Sociocultural do Milladoiro o noso segundo acto de presentación, que seguiu un esquema análogo ao que xa fixéramos en Bertamiráns.

Despois da proxección do didáctico documental de animación Non hai mañá, de Dermot O’Connor (que recibiu os eloxios xeralizados do público asistente), Xoán Doldán fixo unha breve presentación da asociación Véspera de Nada, no contexto da divulgación internacional que se vén facendo nos últimos anos acerca do problema derivado do Peak Oil ou Teito da extracción de petróleo, e explicou as súas repercusións na economía e como a crise económica (en boa medida producida polo propio devalar enerxético) ten postergado un tempo as peores consecuencias deste feito ineludible, nomeadamente os desabastecementos (de gasolina, alimentos e todo tipo de produtos dependentes para o seu trasporte ou fabricación) do ouro negro, do que como nos lembrou Doldán “cada vez hai menos”, como é lóxico nun material non renovable de orixe fósil. O momento a partir do que cada vez se vai poder comercializar menos cada ano, está xa aquí, comentaron desde a tribuna.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

O profesor Doldán falou tamén da Guía para o descenso enerxético, un libro para “prepara as galegas e galegos, as pequenas empresas e os concellos” para a fin do petróleo, como fora xestada e o notable éxito con que se veu distribuíndo desde a súa publicación en 2013.

Posteriormente presentouse a nova asociación local Ames Pospetróleo, “filla ou irmá pequena de Véspera de Nada”, como comentou o presentador e moderador do acto, Benxamín González. A presentación correu a cargo do seu presidente Emilio Román.

Antes de dar pé ao debate, o presidente de Ames Pospetróleo fíxolle entrega ao alcalde, José Miñones, dun exemplar da edición impresa do informe Limits revisited, encargado polo grupo que no parlamento británico está a estudar a cuestión dos límites ao crecemento e que foi traducida ao galego por Véspera de Nada ás poucas semanas da súa publicación en inglés. Precisamente o crecemento económico foi descrito como o principal problema da nosa sociedade para encarar o futuro tanto no documental Non hai mañá como na intervención de Xoán Doldán. Ao ser a nosa —en palabras do profesor de economía aplicada na USC e ex-director do INEGA— unha auténtica “petroeconomía”, é dicir, un sistema que só sabe medrar e que só o pode facer a base de petróleo, basicamente, o devalar da dispoñibilidade de petróleo para as nosas economías abócanos a un futuro “que pode ser moi dramático”.

O alcalde de Ames, José Miñones, recibe de Ames Pospetróleo o informe 'Limits revisited'. Foto: Ames Pospetróleo.

O alcalde de Ames, José Miñones, recibe de Ames Pospetróleo o informe ‘Limits revisited’. Foto: Ames Pospetróleo.

No debate, que foi intenso, entre membros do público xeral, de Ames Pospetróleo, Véspera de Nada, o alcalde e dúas concelleiras do grupo da oposición Ames Novo (Chus Boo e Pilar Candocia), falouse deste problema e das diversas perspectivas que se abren a nivel mundial, galego e local diante desta situación. O alcalde de Ames falou dalgunhas iniciativas que se están a poñer en marcha e afirmou, como xa fixera durante a nosa primeira xuntanza en 2015 con el, que nas etapas anteriores nas que o PSOE participara no goberno de Ames se fixeran cousas nese sentido, aínda que sen a percepción do conxunto da situación de devalar mundial de petróleo. Falouse tamén no debate na necesidade de promover non só o comercio senón tamén a produción local e dunha das medidas que Ames Pospetróleo recomendara nas súas xuntanzas previas ás eleccións municipais a todos os grupos políticos: elaborar unha guía completa dos produtores e produtoras de Ames, mais non só de alimentos senón de todo tipo de materiais e produtos, especialmente aqueles máis imprescindibles para a sociedade amesá.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Tamén volveu saír, como no acto de Bertamiráns, o tema da divulgación do Peak Oil entre todos os sectores sociais de Ames, especialmente a xente máis nova; tamén se abordou a necesidade de volver a ollada ao rural, para rehabitalo (“se cadra máis que plans de urbanización os concellos tiñan que comezar a facer plans de ruralización”, comentou Doldán), para recuperar o sentido e prácticas comunitarias vivas até non hai moito no noso país e para coidalo como un elemento crítico para o futuro (“nunca na historia humana tanta xente se desvencellara da produción de alimentos, e hoxe en día a metade da humanidade vive en cidades e non se dedica a producir alimentos”).

Tanto Véspera de Nada como Ames Pospetróleo ofreceron a súa colaboración para traballar con todos os grupos políticos municipais e seguir dando pasos para a divulgación e coñecemento do problema, como paso conveniente para comezar a tomar medidas e que estas sexan comprendidas como algo necesario para un Ames con futuro.

Varias das persoas asistentes ao acto agradeceron a ambas as dúas entidades o seu labor altruista para a difusión desta cuestión, as súas publicacións e a dobraxe ao galego dunha película que recoñeceron é moi densa en información, moi ben feita e que explica dunha maneira accesible para todos os públicos o grave problema ao que nos enfrontamos. De feito, a gravidade é tal que o público asistente a este tipo de actos adoita cualificar ás persoas palestrantes de “pesimistas” ou mesmo “catastrofistas”: por ese motivo comentou Xoán Doldán a sorpresa que lle producía cando unha muller entre o público os cualificou de “optimistas”, facendo mención ao agravante do actual nivel de poboación mundial. No debate que se produciu a posteriori mencionáronse un par de traballos dun dos principais referentes mundiais nesta cuestión, o estadounidense Richard Heinberg; en concreto seu libro The Party’s over e o seu artigo “Diez pasos para reducir la economía sin quebrarla“, que fora traducida para a revista 15/15\15 precisamente polo membro de Ames Pospetróleo Benxa gonzález. En efecto, a festa (da exuberancia que trouxo a enerxía fósil) rematou, e esa mensaxe é moi difícil de trasmitir á sociedade (“ter que ser nós os que apaguemos a música”), pero en realidade pódese facer dunha maneira positiva e propositiva, pois “ben podemos vivir mellor despois do petróleo do que vivimos até o de agora” (Doldán).

ACTUALIZACIÓN: Repercusión do acto nos medios de comunicación

Novo acto de presentación: Ames Pospetróleo preséntase o venres 17 no Milladoiro

20160617-cartaz-preparando-ames-sen-petroleo-w800Xa temos cartaz para o 2º dos nosos actos de presentación oficial á sociedade amesá. O vindeiro venres 17 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 h.

O contido do acto será análogo ao celebrado o pasado sábado en Bertamiráns. Desta volta o alcalde de Ames, José Miñones, si ten confirmada a súa presenza e farémoslle entrega do informe sobre os límites do crecemento que publicara o Parlamento Británico recentemente, e que o compañeiro Ramóm Flores d’as Seixas de Véspera de Nada traduciu ao galego.

Fotograma da película 'Non hai mañá'

Fotograma da película ‘Non hai mañá’

Convidamos a toda a xente de Milladoiro, dos lugares veciños e tamén a todas as persoas que non puideron asistir á presentación de Bertamiráns, para que se acheguen o vindeiro venres para coñecer o problema da fin do petróleo (e a fin do crecemento económico e do modelo de sociedade que coñecemos) mediante o magnífico documental de animación Non hai mañá, de Dermot O’Connor, coñecer o que facemos nas asociacións Véspera de Nada e Ames Pospetróleo, e tamén a exitosa publicación Guía para o descenso enerxético, da que se levan vendidos uns 1.500 exemplares en total das súas 2 edicións até o momento e que recentemente foi traducida ao catalán polos activistas de Argelaguer en Transició.

Despois das intervencións do profesor Xoán Ramón Doldán e do noso presidente, Emilio Román Leis, teremos un debate coas persoas asistentes que esperamos sexa tan frutífero e interesante como o que houbo no acto de Bertamiráns.

capa-guia-descenso-enerxetico-vespera-de-nada-galiza-sen-petroleo-BY-Antia-Barba-Marinho

[Actualización 17/06/16]

Medidas pospetróleo no programa de Ames Novo

logo-ames-novoEsta é a nosa avaliación de urxencia feita sobre a última das candidaturas coas que nos reuníramos, Ames Novo, tras ter analizado anteriormente os programas finais de Pacto x Ames, PSdeG e BNG. Facemos notar que está baseada unicamente nun documento interno que contén soamente parte do programa completo (concretamente a área MODELO DE MUNICIPIO E SUSTENTABILIDADE), que aínda no momento de publicar isto, menos de 24 h antes de rematar a campaña electoral, non vimos que fora feito público por esta candidatura por medio do seu web oficial nin nas redes sociais online. Así, non puidemos contrastar por exemplo as medidas que no terreo económico propón Ames Novo.

En rasgos xerais o documento que nos remitiron fai moita incidencia no concepto de sustentabilidade, mais non fai mención ningunha ao Teito do petróleo ou Peak Oil e ao decrecemento fáiselle unha mención fugaz nun subapartado, así como a unha transición enerxética que non se define. Algunhas medidas puntuais coinciden moito coas que nós lles propuxéramos, pero a grandes rasgos non se fai moito énfase no decrecemento enerxético máis aló do aforro económico e certo interese medioambiental.

Atopamos coincidencias, ben sexan totais ou parciais, nas seguintes medidas:

  • 1.2 PLAN DE NECESIDADES DE ESPAZOS – ESPAZOS NATURAIS: Ó mesmo tempo levarase a cabo o mantemento e ampliación da oferta de HORTAS URBANAS.
    (Non coincide con todo o que nos propuxemos na medida [U01] Promoción da horticultura urbana, pero vai nesa liña.)
  • 1.4 PLAN de REACTIVACIÓN E REESTRUCTURACIÓN DE FUNCIÓNS DE INSTALACIÓNS DE USO PÚBLICO.
    (Aquí fala das escolas unitarias, igual que na nosa proposta [X26] Aproveitamento das escolas unitarias para a resiliencia das parroquias, aínda que non queda claro que o fin sexa a resiliencia das parroquias)
  • 2.2 ENERXÍA: Revisar e reformar as taxas municipais relacionadas coa promoción da transición enerxética.
    (Si coincide coa nosa proposta [F01] Reforma xeral dos tributos e taxas municipais para favorecer a transición enerxética, aínda que sen maior detalle non podemos saber ata qué punto se formula unha fiscalidade como a proposta por nós.)
  • IMPLANTACIÓN PROGRESIVA DE SISTEMAS QUE UTILICEN ENERXÍAS RENOVABLES EN INSTALACIÓN PÚBLICAS.
    (Tamén está algo na liña da nosa proposta [U11] Reforma dos edificios municipais para o aforro enerxético, aínda que obviamente trocar os sistemas de abastecemento enerxético a enerxía renovable non asegura que se reduza o consumo, que para nós son cousas que deben ir expresamente unidas, primando sempre o aforro total no consumo.)
  • 2.4 TRATAMENTO DE RESIDUOS. Medidas como a AVALIACIÓN DO SERVIZO DA PLANTA DE COMPOSTAXE de LOUSAME ou POTENCIAR E FACILITAR O USO DE COMPOSTEIROS NA UNIDADE FAMILIAR.
    (Contén algúns dos puntos da nosa proposta [X15] Plan para a redución do lixo e a prol da compostaxe.)
  • En 3. MOBILIDADE tamén atopamos algunhas coincidencias: O concello promoverá unha forte restrición do uso do automóbil, a través da iniciativas de tráfico pacificado, os camiños escolares, etc e fomentar intensamente os xeitos de transporte sustentábeis (peonil, bicicleta, transporte colectivo), complementario dunha campaña de fomento do consumo local facendo fincapé no custe enerxético do transporte (mochila ecolóxica).
    (Está relacionado coas nosas propostas [T01] Plan para a redución do uso de automóbiles privados e [T02] Plan de promoción do uso da bicicleta.)
  • 3.2 POTENCIACIÓN DO USO DO TRANSPORTE PÚBLICO E RESPONSABILIDADE NO PRIVADO e a medida AMPLIACIÓN DAS FRECUENCIAS HORARIAS (especialmente na fin de semana.)
    (Coincide coa filosofía dunha das medidas propostas en [T04] Programa de ampliación do transporte público. De todos xeitos non é nada claro o que significa potenciar a responsabilidade no transporte privado.)
  • CAMPAÑAS PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCCIÓN.
    (O título coincide claramente con [T10] Campaña para o aforro de combustible na condución.
  • MOBILIDADE PEONIL.
    (Semella cadrar en gran medida coa nosa proposta [T06] Programa para favorecer os espazos peonís.)
  • Declarar Ames libre de transxénicos.
    (Coincide coa nosa [X10] Declaración de zona libre de transxénicos.)
  • Potenciar o consumo local responsable, potenciando o asentamento de mercados de alimentos de proximidade.
    (semellante a [E14] Programa de apoio ao comercio e á distribución local. Como non explican máis polo miudo, non sabemos se tamén estarán pensando en [E03] Recuperación dos mercados locais de alimentos. Tampouco puidemos ver o documento de economía para ver se esta promoción do consumo local vai acompañada dun pulo pola produción local, nin de qué tipo de produtos, aparte dos alimentares, que si se mencionan no punto 6, como veremos máis adiante.)
  • 5.2 XORNADAS DE FORMACIÓN.
    (Atopamos una semellanza con algunhas das propostas que facemos en [X05] Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo. Fálase de condución responsable, a mochila ecolóxica dos produtos que consumimos, redución da produción de residuos, o decrecemento, técnicas de cultivo en ecolóxico, coñecemento da flora e fauna do Concello, identificación de plantas silvestres comestibles…, cousas todas eles importantes e referidas por nós, mais non se fala do Teito do Petróleo, permacultura, bioconstruccion, e outros moitos puntos importantes para adaptarnos a unha vida pospetróleo, e tampouco se declara expresamente que estes plans de formación teñan ese obxectivo último.)
  • 6.DEFENSA DA SOBERANÍA ALIMENTARIA E APOIO Ó SECTOR PRIMARIO PARA MANTER UN RURAL VIVO. Falan de Impulsar dende o concello as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos dos produtores e produtoras e incentivar o consumo de alimentos locais fomentando a recuperación de espazos de cultivo.
    (Que pode estar relacionado con [E15] Promoción da produción local de alimentos.)

En breve, tras a publicación deste post de urxencia, procederemos a indicar no wiki de Municipios.Pospetroleo.com cales das medidas propostas por nós para Ames foron asumidas, co cal xa as persoas con dereito a voto o vindeiro domingo 24 poderán tomar unha decisión en base ás recollidas por cada formación.

Medidas Pospetróleo incorporadas ao programa de Pacto x Ames

Recibimos recentemente o programa electoral presentado por Pacto por Ames, e tras estudialo esta é a nosa avaliación de en que medida incorporan ao mesmo as medidas propostas por Ames Pospetróleo e que lles propuxéramos na nosa xuntanza do mes de marzo.

Ao longo do documento podemos atopar algunhas medidas directamente tomadas das nosas propostas ou, cando menos relacionadas ou coincidentes en parte con elas, e ás veces unidas a outras propostas ou matices que non estaban presentas na nosa proposta:

Medidas para un Ames Pospetróleo no programa de Pacto x Ames

No apartado 1 do programa, Área Socio-sanitaria:

  • BANCO DE ALIMENTOS: Cremos que é preciso, ademais de xestionar tódolos alimentos non perecedoiros, levar a cabo un programa de reparto de alimentos frescos. Estudaremos a instauración do programa Xantar na Casa, para aqueles que teñan dificultades para mercar a comida.
    (Cf. a medida proposta a este respecto para Ames en municipios.pospetroleo.com. O programa Xantar na Casa, no entanto, non nos parece axeitado, ao tratarse dun programa de catering no que o lugar no que se preparan os alimentos está moi lonxe de onde se consumen.)
  • BANCO DE MOBLES: Propoñemos o préstamo de mobiliario específico, tal como cadeiras de rodas, camas articuladas, etc. Para persoas con necesidades especiais: mobilidade reducida, deficiencias físicas transitorias, e persoas e familias con dificultades económicas.
    Semella posíbel relacionala coa nosa proposta de campañas a prol dos usos compartidos, se ben esta ía dirixida ao conxunto da cidadanía e non unicamente a persoas con necesidades especiais.

No apartado 2 do programa, Área de Educación, Cultura, Deportes, Lecer e Xuventude:

No apartado 3 do programa, Área de Empregabilidade, Formación, Comercio e Turismo:

  • AMES REFERENTE EN COMPRAS: Podemos presumir de ter un tecido comercial envexable: contamos cun pequeno comercio capaz de atraer novos visitantes, emprendedores e consumidores selectos, que foxen dos grandes centros comerciais, polo que debemos darlle o máximo respaldo.
    Semella posíbel relacionala coa nosa proposta de Programa de apoio ao comercio e á distribución local, se ben nada se dí acerca dos produtos de primeira necesidade e do establecemento de redes locais de subministro, entre outros aspectos.

No apartado 4 do programa, Área Económica, Urbanística e de Servizos Xerais:

  • REDUCCIÓN DÉBEDA DO CONCELLO: nun 15% mediante fórmulas que non entorpezan o funcionamento xeral nin provoquen unha mingua nos servizos prestados.
    Se ben librarse das débedas é un paso necesario na preparación para un sistema socioeconómico post-crecemento, non compartimos algunha das fórmulas recollidas nese punto do programa de PxA e que comentaremos mais adiante.
  • PACTO X AMES TERÁ UN CONCELLEIRO PERMANENTE NAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS DO MILLADOIRO que canalizará toda a información de forma bidireccional. O Concello está en Bertamiráns e o rural disporá dunha concellería específica.

    E tamén: Así mesmo, consideramos moi importante axilizar a resposta ós escritos presentados por rexistro, ou calquera outra canle regulamentada (correo electrónico, páxina web…), para que OS VECIÑOS TEÑAN CONTESTACIÓN NUN PRAZO DE 15 DÍAS HÁBILES.
    (Cf. Plan de descentralización administrativa en municipios.pospetroleo.com)

No apartado 5 do programa, Área medioambiental e de obras:

Neste apartado, e baixo o epígrafe Aforro Enerxético é onde podemos atopar a maior parte das medidas que Pacto por Ames decidiu incorporar ao seu programa de entre as propostas por Ames Pospetróleo.

AFORRO ENERXÉTICO: A eficiencia enerxética, a integración co Medio Ambiente, as políticas sustentables e a vida san son propostas que potenciaremos dende PACTO x AMES:

No apartado 6 do programa, Área de Seguridade e Mobilidade:

  • En canto á mobilidade, desde PACTO x AMES facemos unha gran aposta polo transporte metropolitano, e propoñeremos diversas actuacións. Contemplamos a posibilidade de implantar liñas internas dentro do noso Concello (encadradas no transporte metropolitano), destinadas á comunicación efectiva entre as parroquias e o Milladoiro e Bertamiráns.
    Do mesmo xeito, se non fose posible achegar posturas dentro da entidade que xestiona o transporte metropolitano, da que Ames forma parte, faremos un estudio de viabilidade para ver si é factible a implantación do transporte urbano.

    Podemos relacionar esta proposta co noso programa de ampliación do transporte público, xa recollida anteriormente.

O QUE CRITICAMOS

Chámanos a atención, en primeiro lugar, que en ningún apartado do programa se mencione o Teito do Petróleo, nin —cunha única excepción—, ningunha das medidas que propoñemos para difundir e explicar o Peak Oil e concienciar á cidadanía do problema e as súas consecuencias, paso necesario para o éxito de moitas das medidas propostas. Así, no documento de Pacto por Ames non hai rastro do programa de difusión de Transición Enerxética entre entidades locais, da campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo, da divulgación das consecuencias económicas do Teito do Petróleo nin do Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo. Tampouco aparecen actuacións institucionais coma a creación da Axencia Municipal para a Transición Enerxética, a adopción do Protocolo do Esgotamento do Petróleo, ou a iniciativa de sumar Ames á Rede de Cidades en Transición.

No apartado 3 do programa, Área de Empregabilidade, Formación, Turismo e Comercio, non achamos ningunha medida que se propoña en clave pospetróleo, pese a que algunhas terían encaixe perfectamente. Así, no apartado Empregabilidade e Formación:

  • FEIRA DE EMPREGO E FORMACIÓN: Cremos que é necesaria a organización deste evento para dotar das ferramentas precisas ás persoas demandantes de emprego para atopar un posto de traballo, facilitándolles un contacto cos potenciais empregadores. Unha xornada na que se impartan obradoiros e cursos monográficos, que sirva de escaparate das empresas de formación e asesoramento de Ames. Todo isto apoiado tamén a través dunha plataforma tecnolóxica.
  • CURSOS E XORNADAS UNIVERSITARIAS: Traballaremos para que Ames acolla diferentes cursos e seminarios das universidades galegas, e organizaremos xornadas dirixidas ós estudantes universitarios amienses en materia de traballo de fin de grao, saídas laborais, profesionalización …
  • CICLOS DE PROGRAMAS FORMATIVOS: de capacitación, non formais, certificados de profesionalidade, carnés con homologacións a través das diversas entidades públicas, fundacións ou privadas sen fin de lucro.

Aquí terían encaixado as nosas propostas de programa de formación profesional pospetróleo e o programa formativo para a recuperación de produtos e materiais.

Do mesmo xeito, nas propostas

  • COWORKING: Posta en marcha dun centro Coworking (antigos viveiros de empresas), para facilitar un lugar de traballo cunha renda económica baixa e impulsar así o autoemprego (avogados, deseñadores, arquitectos, psicólogos, programadores… freelances en xeral).
  • PROGRAMA AUTÓNOMOS: Elaboración dun Plan de axuda e recursos dispoñibles para estes traballadores, así como dun estudo de bonificacións e beneficios económico/fiscais pola creación de postos no Concello ou o establecemento do mesmo da súa sede social.
  • ESCOLA DE EMPRENDEDORES: Permitirá a capacitación daquelas persoas que teñan vocación de emprender pero non saiban cómo ni teñan medios. Incluiría:
    • Formación empresarial. De balde, salvo faltas de asistencias que superen o 25%, o que suporía a expulsión e o pago de una taxa compensatoria.
    • Asesoramento para a procura de financiamento e a preparación do Plan de Empresa.
    • Apoio na fase de lanzamento empresarial inicial.

  • PLAN DE RELEVO NOS NEGOCIOS: Programa que permita a realización de prácticas para aprendices de oficios que poidan incorporarse ó mundo laboral, contribuíndo ó relevo xeracional na xestión dos negocios. Distínguense tres fases: un período de prácticas gratuítas, logo unha fase como bolseiros e adicionalmente o contrato laboral.

poderían terse integrado as nosas propostas para novas empresas sustentables pospetróleo, o programa de reconversión de empresas para un futuro sen petróleo e o programa de novas empresas de servizos pospetróleo. É mais, consideramos que sen un enfoque pospetróleo os esforzos de formación e asesoramento perden o sentido, porque se estaría formando aos empresarios e profesionais para un futuro que cando chegue vai ser moi diferente.

No subapartado Comercio atopamos as seguintes propostas:

  • DINAMIZACIÓN COMERCIAL 2.0: Creación dunha plataforma enlazada á web municipal como guía comercial actualizada, en colaboración e apoio ás Asociacións de empresarios e comerciantes. Serviría como referente á hora de informar, consultar e difundir o gran abanico comercial que pode ofrecer o noso Concello.
    Ben se se fixera cun apoio decidido ao comercio local e as cadeas de distribución curtas.
  • EVENTOS E/OU FEIRAS TEMÁTICAS: A maior parte dos concellos teñen festas, eventos temáticos e actividades dinamizadoras que repercuten nun aumento do consumo e un relanzamento do comercio. Por este motivo, cremos que é importante unha colaboración máxima coas Asociacións de Comerciantes e Empresarios, apoiando os eventos que propoñan. É o caso da Feira do Comercio, que podería complementarse con feiras sectoriais e mostras específicas, potenciación das gastronomía e hostalería, etc. Tamén favorecemos a realización de ciclos ou concertos en cafés de grupos locais, de nova creación, monólogos, etc. para promocionar o talento local ó tempo que se potencia o consumo nos locais que os acollan, que recibirían apoio por parte do Concello.
    Aquí achamos de menos algunha referencia á recuperación dos mercados locais de alimentos.
  • ASESORAMENTO PROFESIONAL a negocios e tendas: Enfocado a potenciar e xestionar de maneira preventiva a viabilidade económica e financeira dos negocios, prestando un servizo acompañado por unha plataforma on-line, un teléfono dispoñible, e un servizo de asistencia para dar o apoio necesario nas áreas imprescindibles dun pequeno negocio.
  • SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS para axudar ás asociacións de comerciantes e empresarios na súa tarefa.
    Aquí é necesaria a orientación pospetróleo para evitar apoiar proxectos inviables nun escenario de carestía e dificultade crecente dos transportes.

Na Área económica, Urbanística e de Servizos Sociais podemos comentar tamén algúns aspectos:

ECONÓMICA

  • COMPROMISO DE ORZAMENTOS MUNICIPAIS ANUAIS: Dos últimos catro anos de mandato tan só o primeiro presentáronse os orzamentos. Como medida imprescindible para ter unha boa xestión económica, presentaremos antes do comezo de cada ano os orzamentos xerais.
    É certo que o orzamento é unha ferramenta fundamental para unha boa xestión económica. E por esa mesma razón, se non se teñen en conta as consecuencias económicas derivadas do Teito do Petróleo para a súa elaboración, esa ferramenta non servirá para o seu propósito.
  • REDUCCIÓN DÉBEDA DO CONCELLO: nun 15% mediante fórmulas que non entorpezan o funcionamento xeral nin provoquen unha mingua nos servizos prestados. Con medidas como:
    • Renegociación da débeda bancaria.
    • Conxelación salarial dos soldos do equipo de goberno.
    • Licitación da xestión de compras centralizadas.
    • Licitación dos servizos pendentes (telefonía, ciclo integral da auga, servizo de limpeza, etc.).
    • Unificación do pago das taxas e impostos nunha soa entidade.
    • Aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo dende a vía pública.
    • Renegociación da póliza de crédito.
    • Licitación do servizo de subministración eléctrica.
    • Racionalización do consumo eléctrico.
    • Redución dos gastos financeiros.
    • Facer rendible a Radio Municipal.

  • CICLO DA AUGA: Urxente licitación deste servizo pola súa situación de precariedade.

    PACTO x AMES advertiu en innumerables ocasión das consecuencias de copiar uns pregos dun concello como o de Cáceres e agora estamos pagando as consecuencias tanto económicas como de xestión.
  • XESTIÓNS PARA ACADAR AS CONCESIÓNS ORZAMENTARIAS XUSTAS por parte das diferentes administracións, e xestión das achegas de xeito que non se perdan por falla de xestión ou deficiencias na súa petición.

Se ben compartimos o fin de reducir a débeda municipal, e algún dos medios propostos, como a racionalización do consumo eléctrico ou a redución dos gastos financeiros, non podemos estar de acordo coa pertinencia de outras propostas, como as licitacións de distintos servizos. Se ben é certo que non temos ningunha medida específica que defenda a xestión municipal fronte a xestión privada dos servizos esenciais, esta última non parece que vaia ser facilitadora dunha transición pospetróleo, toda vez que: o fin último da empresa adxudicataria é o beneficio económico, estando a calidade do servizo e o aforro para o cidadán nun segundo plano; os dilatados prazos polos que se outorgan as concesións farían aínda mais difícil para o concello poder actuar con axilidade para afrontar as mudanzas necesarias na Transición, e por último existe un extenso debate en todo o Estado acerca de se este tipo de concesións supoñen un aforro real, existindo cada vez un maior número de concellos que deciden recuperar a xestión dos servizos básicos e aforran diñeiro ao facelo.

URBANISMO

Na Área de Urbanismo non atopamos tampouco ningunha das medidas propostas por Ames Pospetróleo, como a adecuación da normativa urbanística para unha cidade pospetróleo, a promoción da arquitectura bioclimática ou o programa para a xeración eléctrica en edificios; si vemos referencias ao Urbanismo Sustentable:

Converter Ames nun Concello cun urbanismo sustentable en base ós parámetros medioambientais e de accesibilidade, humanización e espazos deportivos e de lecer.

Ao noso entender, un urbanismo sustentable é o que causa o menor impacto posible sobre o medio ambiente e o territorio, consume a menor cantidade de recursos e enerxía e produce a menor cantidade posible de residuos e emisións. En canto a accesibilidade, supón apostar polo transporte público e non o vehículo privado, fomentando medios alternativos como a bicicleta, e apostando pola proximidade.

A solución que propón Pacto por Ames para o problema do tráfico no Milladoiro lévanos a poñer en dúbida que compartamos a mesma definición de urbanismo sustentable:

Dende hai máis de 20 anos o problema do tráfico do Milladoiro ó seu paso pola rúa Rosalía de Castro segue sen resolverse. Ningunha das Administracións tomou o problema coa suficiente seriedade e interese.

Mentres que en Padrón investíronse na variante máis de 25 millóns de euros, no túnel de Conxo case 8 millóns, ou no da Galuresa 14 millóns, no Milladoiro obtense a calada por resposta cando se pide unha solución. Deixan a Milladoiro, cunha poboación de 13.000 habitantes, nun segundo plano fronte a un concello como o de Padrón ,que ten 8.800 habitantes.

A competencia desta inversión é do Goberno Central, por iso dende PACTO x AMES faremos chegar tódalas propostas viables para conseguir que se tome en serio dunha vez por todas o problema de tráfico que hai no Milladoiro. As nosas propostas a elevar ó Ministerio son:

  • Estudo de viabilidade para facer o túnel baixo a rúa Rosalía de Castro. Para PACTO x AMES é a mellor opción porque permitiría eliminar o tráfico desta zona e acabar coa división social e física.
  • Levantamento da peaxe da AP-9 como medida provisional mentres non chega a solución definitiva.

Desde Ames Pospetróleo non compartimos esta solución. Un túnel baixo a rúa Rosalía de Castro supón enterrar —literalmente— unha gran cantidade de diñeiro, enerxía e recursos que poderían ter moito mellor uso. As razóns que se poden esgrimir en contra son moitas e moi variadas, pero por empregar termos puramente económicos, a amortización dunha obra desa magnitude levaría decenios, e daquela o modelo actual de transporte, baseado no vehículo privado, terá mudado necesariamente a causa do devalar do petróleo. Simplemente non compensa. (Salvo á empresa construtora, naturalmente.)

CONCLUSIÓNS

Antes de nada, agradecemos a Pacto por Ames terse reunido con nós e ter estudado as nosas propostas, así como ternos remitido o seu programa electoral.

Dito isto, non creemos que o programa presentado por Pacto por Ames sexa o mais axeitado para prepararmos un Ames Pospetróleo.

Se ben recoñecemos a inclusión dalgunhas das medidas propostas, o feito de circunscribilas a unha área concreta -coma se as consecuencias do Peak Oil foran só medioambientais- e de coller unhas si e outras non, fai que perdan parte do seu sentido e non teñan o efecto buscado.

Por exemplo, a medida da creación do Banco de Terra municipal (incluída no programa de PxA) está en relación coa promoción da produción local de alimentos (non incluída por PxA: o sector agro-gandeiro e forestal está practicamente ausente do programa) e ten que complementarse coas medidas de apoio ao consumo de alimentos locais (non incluída) e coa recuperación dos mercados locais de alimentos (podería entenderse incluída na proposta das feiras locais).

O mesmo referido ás empresas: producción local, e consumo local, apoiados no posible polo concello mediante un plan de compras en proximidade; con empresas que poidan axudarse entre elas cun sistema de crédito mutuo e unha moeda local complementaria, e unha serie de medidas fiscais que apoien e axuden a aqueles que fagan un esforzo por prepararse.

Con estas e outras medidas, axeitadamente estruturadas, podería construírse unha malla que favorecería a resiliencia da sociedade no noso concello ante os desafíos por vir. O programa de Pacto por Ames podería aproveitar mellor as realimentacións positivas que os efectos dunhas propostas exercerían sobre outras.

Porén, as medidas presentadas nos ámbitos do emprego, comercio e turismo, poñen en evidencia unha visión business-as-usual allea ao feito de que esta crise é terminal, que o modelo socioeconómico actual está esgotado e que cómpre construírmos outro novo, e que as vellas receitas xa non nos van servir. (Con todo, compre facer notar que non se fala no programa de crecemento, nin sequera para engadir o adxectivo sustentable, é de agradecer).

No ámbito da mobilidade, se ben apreciamos a aposta realizada polo transporte público cremos que podería terse mellorado con medidas para reducir o uso do automóbil privado e fomentar o seu uso compartido, promover o uso da bicicleta (só se fala da bicicleta no programa no ámbito de deporte, e para dedicarlle un día ao ano; non como medio de transporte) e favorecer os espazos peonís, entre outras.

Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do PSdeG-PSOE para Ames

Socialistas de Ames (PSdeG-PSOE)A final da pasada semana o grupo municipal do PSdeG-PSOE fíxonos chegar un documento no que se detallan cales das medidas que lles propuxéramos na nosa xuntanza de marzo decidiron asumir e incorporar ao seu programa de goberno. Incidindo no que xa nos expresaran daquela, eles consideran que moitas delas encaixan perfectamente con medidas que xa aplicaran nos 8 anos que estiveran no goberno do Concello (2003-2011), e así nolo explican na primeira parte do documento que citamos a continuación. Segundo explican, “algunhas delas durante estes tres últimos anos deixaron de realizarse e ficaron esquecidas no caixón do goberno do PP; e, está claro, tamén, que se poden continuar, reforzar, e complementar”:

Economía e goberno local

  • EO4: RECUPERACIÓN DOS MERCADOS LOCAIS DE ALIMENTOS: “Promovemos feiras e mercados locais a través do mercadillo de Bertamiráns; a través de Amorodo con productores locais introducidos en canles de distribución dos seus produtos: no mercadillo mesmo e coa rede de cestas; mercados puntuais en diferentes festas como a da Naturaza.”
  • E08: PROGRAMA DE NOVAS EMPRESAS SUSTENTABLES: “Estimulábase e apoiábase o emprendemento a través do servizo de asesoramento e das ILES. Aínda que para ser ILE non se tiñan en conta criterios de sustentabilidade relativos ao petroleo.” Na nosa opinión esta medida só ten sentido se se aplican precisamente eses criterios: non se trata de apoiar a creación de calquera tipo de empresa, senón de empresas que sexan sustentables nun contexto de devalar enerxético, que non dependan de insumos derivados do petróleo e que axuden á resiliencia do municipio.
  • E10: REORIENTACIÓN DE EMPRESAS PARA O CONSUMO LOCAL: “A través de todas as campañas de fomento do consumo local.” É importante, pero fomentar o consumo local non é o mesmo ca fomentar que as empresas se reorienten cara ese consumo: unha vía traballa desde o punto de vista da demanda, e a outra, desde o da oferta.
  • E14: PROGRAMA DE APOIO AO COMERCIO E Á DISTRIBUCIÓN LOCAL: “Viñemos reforzando o comercio de proximidade a través de Amorodo, non so co punto de venta onde estaban os productores senon co sistema de cestas —rede local de suministro— onde eran coñecidos polos consumidores. Tamén a través de todas as campañas de promoción do comercio local: Guía de Compras, Rede Calidade en Galego, animación na rúa ca chegada do bo tempo: Animación do Comercio na Rúa, Campañas Navideñas, etc).”
  • E15: PROMOCIÓN DA PRODUCCIÓN LOCAL DE ALIMENTOS: “A través de Amorodo estimulabase e axudabase á producción local.” É un bo referente, pero claramente insuficiente. Precisa ser ampliada a súa escala ata aproximarnos ao obxectivo de que a maior parte dos alimentos consumidos por toda a poboación de Ames procedan do propio concello ou da bisbarra.
  • E21: BANCO DE TEMPO MUNICIPAL: “En Servizos Sociais puxérase en marcha.”
  • E22: PROMOVER FEIRAS DE TROCO: “Celébrabamos 1 ao ano, cada edición con máis éxito.”
  • E24: FORMACIÓN PROFESIONAL POSPETRÓLEO: “Fomentamos a integración de persoas desempregasdas mediante obradoiro con novo oficio de instalador de enerxía solar térmica.” Semella algo moi insuficiente: existen moitas outras profesións que cómpre recuperar para un novo xeito de vida pospetróleo.
  • E25: APOIO AO CONSUMO DE ALIMENTOS LOCAIS: “Apoiamos ás redes locais de distribución de alimentos, creándoas de cero (posto mercadillo + sistema cesas) e dotandoas de diferentes axudas: PDA por exemplo para que o sistema de cestas fose máis áxil e doado; novos investimentos no mercadillo xa existente). Tamén a través de campañas de fomento consumo local.” Precisa ser ampliado en escala para apoiar a medida inseparable da promoción da produción local de alimentos.
  • E26: PLAN DE COMPRAS MUNICIPAL EN PROXIMIDADE: “É algo que se viña facendo a nivel de todo o concello: comedores escolares que mercan a Amorodo, supermercados, panaderías e tendas locais; noutros departamentos tamén cos servicios contratados priorizando en igualdade de oferta e prezo os que fosen do concello; etc).”
  • E27: PLAN DE DESCENTRALIZACIÓN ADMINISTRATIVA: “Posta en marcha da administración electrónica, etc.”

Urbanismo e hábitat

  • U01: PROMOCIÓN DA HORTICULTURA URBANA.
  • U02: HORTAS URBANAS COMUNITARIAS.
  • U02: RECUPERACIÓN DE HORTAS.
  • U09: PROMOCIÓN DA ARQUITECTURA BIOCLIMÁTICA: “A Aula da Natureza pretendía ser un lugar común para todos, pero tamén un espazo de educación ambiental, onde o propio edificio predicase co exemplo. Así, na restauración tivose en conta este tipo de arquitectura, no tocante a: ventilación, emprego de materiais, reutilización de augas grises, emprego de enerxías renovables dende un punto de vista eficiente e real a nivel de vivenda unifamiliar. A idea foi incidir neste campo a través das diferentes campañas / accións de educación ambiental que viñamos facendo xa dende a aula.”
  • U12: PROGRAMA DE AMPLIACIÓN DE ESPAZOS VERDES: “Programa e proposta O Milladoiro que está por ver…”
  • U11: REFORMA DOS EDIFICIOS MUNICIPAIS PARA O AFORRO ENERXÉTICO: “Antes de acometer o obradoiro fixose un estudo de TODOS os edificios municipais para ver aqueles susceptibles de instalar os paneis de enerxía solar térmica. Tíñano todos os que o podían ter, e no resto foron instaladas diferentes medidas de aforro energético a través de luminarias, etc. Está recollido o aforro ecónomico e o CO2 que o concello evita anualmente. Posteriormente fixose unha auditoría energética do INEGA para ver outras alternativas de aforro enerxético.”

Transporte

  • T10: CAMPAÑA PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCIÓN: “Medida incluida dentro da campaña OFICINAS E FOGARES SOSTIBLES. A idea era mandar tamén ao persoal do concello a facer os cursos de conducción eficiente, eran gratuitos. Unha vez feito o folleto base con todas as medidas a idea era periódicamente facer campañas mais intensivas de cada apartado: tóner, papel, luz, vehículos, etc.”

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Aparte disto no que xa afirman teren traballado, comprométense a levar a cabo estoutras medidas novas de entre as incluídas na nosa proposta:

Economía e goberno local

Urbanismo e hábitat

  • U04: PLAN PARA A MELLORA ENERXÉTICA DAS VIVENDAS.
  • U05: PROGRAMA PARA A XERACIÓN ELÉCTRICA EN EDIFICIOS: “Fomentando mediante algunha exención.”
  • UO8: PROGRAMA DE ESPAZOS VERDES PRODUCTIVOS: “Aínda que esta funcionalidade xa a recollen as hortas urbanas.” Non de todo, pois do que se fala aquí é de reconcebir os espazos verdes como zonas de produción de alimentos e outros produtos naturais de utilidade.
  • U15: PROMOVER A RETIRADA DE AMIANTO NAS CONSTRUCIÓNS: “Dentro de esta medida non todo é viable, pero sí se poden considerar das opcións propostas como a exención de tasas, seguir perseguindo os verquidos ilegais e facer unha campaña de concienciación.” Lamentamos que non se considere viable axudar a eliminar o antes posible un potente carcinóxeno que está presente de maneira ubicua no noso hábitat, precisamente porque as administracións públicas o viñeron favorecendo e permitindo historicamente. Consideramos un deber das propias administracións constribuír á súa eliminación dunha maneira segura antes de que se careza dos recursos e infraestruturas precisas para realizalo masivamente e con seguridade. Con todo, a aposta que fai o PSdeG resulta valiosa.

Transporte

Fiscalidade

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Rematan o seu documento cun agradecemento: “Antes de rematar, agradecer o voso completo e fantástico traballo, e a animarvos a que continuedes coa vosa labor porque é necesario que existan personas que nos conciencien da necesidade de pensar no futuro.” Nós tamén lles agradecemos que se tomaran a molestia de nos enviar un documento específico avaliando as medidas unha a unha, o cal nos facilita moito a súa comunicación e a análise de ata qué punto asumiron a nosa mensaxe e propostas para un Ames preparado para a nova Era Pospetróleo.

Avaliamos moi positivamente que se recoñeza a importancia deste tipo de propostas e que se asuma un bo feixe de medidas novas, aínda que non concordemos en que haxa tanto aproveitable do feito nos anteriores gobernos PSdeG e PSdeG-BNG que houbo no concello. Si que poden ser puntos de partida interesantes que retomar, pero sen dúbida hai que ampliar moito o seu alcance e poñelos nun contexto marco de preparación para a fin do petróleo. É dicir, claro que hai cousas moi válidas no feito antes, pero agora cómpre reorientar e poñer nun maior valor e urxencia moitas desas medidas, integrándoas entre si moito máis, potenciando a súa utilidade como vías para a resiliencia local. Neste sentido achamos en falta que se asuman algunhas das medidas que máis claramente poderían contribuír a esta integración e á comunicación da importancia e urxencia social do que se pensa facer para preparar o concello para a fin do petróleo como son algunhas do apartado de Medidas xerais e de concienciación: Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo; Creación da imaxe marco para todas as medidas municipais pospetróleo; Campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo; Declaración de adscrición ás Cidades en Transición; etc.

É dicir, semella que o PSdeG-PSOE de Ames quere avanzar nesta dirección pero dunha maneira moi discreta, con medidas que publicamente non se vencellen entre si, e sen comunicar dunha maneira forte, aberta e decidida que se vai traballar para afrontar o problema do Peak Oil (p.ex. no programa que se pode consultar no web do candidato ou en versión PDF no web da agrupación local do partido, non aparecen estas cuestións que si nos fixeron chegar en comunicación privada). Este documento que nos fixeron chegar é, sen dúbida, un paso importante para unha formación como o PSdeG-PSOE que demostra que a nivel local este partido amosa un recoñecemento e disposición meirandes das que se poden atopar a outros niveis. Pero, con todo, aínda falta un compromiso máis nidio e o valor de comunicar socialmente que o Peak Oil está aí e que nos está comezando a afectar, dunha maneira que se vai intensificar aceleradamente nos anos que temos por diante ata dar como resultado un modelo de sociedade totalmente diferente. Así, no programa falan de “a situación económica actual, caracterizada por unha profunda crise económica e financeira”, sen recoñecer que é unha crise terminal que debe desembocar —coa guía e colaboración das institucións públicas— noutro modelo socioeconómico pospetróleo e, polo tanto, postindustrial e poscrecemento.

Algunhas medidas que se inclúen no seu programa parecen encaixar dificilmente cunha concepción clara e coherente do que significa o fin da Era do Petróleo (p.ex. “Xestionaremos a creación de prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns” ou “Apostamos, a mesmo tempo, polo comercio e hostalería local como sectores básicos da estrutura económica do noso concello”, sen atender suficientemente a importancia da produción primaria: agrícola, gandeira, forestal… base das economías preindustriais e postindustriais). Tamén atopamos algunha lamentable aposta pola continuidade do business-as-usual mediante as falsas solucións do capitalismo-industrialismo verde: “Fomentaremos o uso de vehículos que sexan respectables co medio ambiente. Para elo, promoveremos unha bonificación de ata o 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para aqueles vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, e/ou emisións nulas e dun 60% para aqueles considerados híbridos.” Con todo, alédanos comprobar que se vai prescindindo de certos mantras como o do crecemento económico, que xa non aparece —polo menos expresamente— no programa electoral.

A partir deste documento, procederemos hoxe a actualizar a sección de Ames no wiki Municipios.Pospetroleo.com á espera de avaliar o programa de Pacto x Ames e o de Ames Novo ao longo desta semana que resta ata as eleccións do domingo.

Xuntanza con Pacto x Ames para explicar as nosas medidas fronte ao «Peak Oil»

pacto-x-amesOnte celebramos no Milladoiro a 4ª das nosas xuntanzas cos grupos políticos do concello de Ames, tras as mantidas anteriormente con PSdeG, Ames Novo e BNG. Desta volta foron os representantes de Pacto x Ames, forza escindida do PP local, Ramón García Argibay e María González Gómez. Pola nosa banda acudimos Benxamín González, Emilio Román e Manuel Casal.

A xuntanza foi distendida e atopamos boa receptividade antes as medidas propostas así como moito interese por coñecer o problema do Teito do petróleo e como prevemos que vai afectar a Ames. Tamén lles entregamos, como aos outros grupos, un exemplar da Guía para o descenso enerxético, publicada hai pouco máis de un ano pola nosa asociación amiga Véspera de Nada.

Agradecemos o ofrecemento que nos fixeron os representantes de Pacto x Ames para realizar un acto de presentación da nosa asociación, para o cal temos dificultades derivadas do escaso tempo que temos antes da campaña para as municipais e o feito de non estarmos aínda rexistrados no concello como asociación. Acordamos que falarían cos representantes dos outros grupos para solicitaren conxuntamente o uso dos auditorios municipais de Bertamiráns e O Milladoiro para, durante o mes de abril, facer este acto, no que tamén temos intención de convidar aos compañeiros de Véspera de Nada para falaren sobre o seu libro, así como para emitir un documental sobre a cuestión do Peak Oil.

Polo demais tocamos diversos temas relativos ás nosas medidas, as cales valoraron como interesantes en si mesmas, mesmo sen ter en conta a cuestión do petróleo. Tamén recoñeceron que Ames ten unhas condicións moi axeitadas para poñelas en práctica, e que algunhas cadraban con ideas que xa lles reclamaran outros colectivos sociais da localidade, como a recuperación de oficios, e outras con ideas que xa eles tiñan previstas, como a recuperación de aldeas como a de Lens, aproveitando fondos europeos e da Xunta de Galicia, con criterios ecolóxicos. Falamos da cuestión de buscar emprego vs. ter un oficio (Richard Heinberg), do transporte despois do petróleo, e das posibilidades que nos trasmitiron de xestionar un transporte local (liñas interiores) de xeito compatible co transporte metropolitano, sen que haxa problemas coas actuais concesionarias.

Tamén nos comentaron que tiñan previsto facer unha revisión do PXOM con criterios ecolóxicos e de sustentabilidade, dentro das posibilidades que dea a lexislación actual. Aproveitamos aí para falar na conveniencia de ampliar as hortas urbanas existentes, para as cales hai xa máis demanda que oferta, e a posta en uso de fincas non utilizadas, tanto nas áreas urbanas como rurais, onde nos comentaron a situación de moitas fincas de Tapia que foron cedidas polos propietarios á cooperativa local. Ese tipo de experiencias, así como a trasmisión de saberes mediante co-formación ao estilo do que vén facendo Lentura e o proxecto Amorodo, concordamos en que sería interesante multiplicalas e poñelas en relación coa posta en uso de terras actualmente improdutivas ou a monte. Tamén adicamos bastante tempo, como cos outros grupos, a falarlles das posibilidades, referencias e funcionamento das moedas locais complementarias, asunto sobre o cal tamén amosaron o seu interese por coñecer máis, así como polas técnicas de Permacultura e os grupos de apoio mutuo local en torno a ese tipo de labores que algúns membros de Ames pospetróleo estamos a comezar. Tamén saíron a relucir as Transition Towns e mais as Post-Carbon Cities como referencias internacionais de como se están a preparar noutros lugares para afrontar as consecuencias do devalar dos combustibles fósiles.

En resumo, unha reunión frutífera coa que sementamos unha vez máis o interese por incluíren os grupos políticos de Ames medidas útiles para a súa poboación se preparar de cara ao descenso enerxético que xa estamos comezando a vivir. Ficamos á espera de coñecer cales das medidas incorpora finalmente Pacto x Ames ao seu programa para as vindeiras eleccións. Nós salientamos que deben ser eles quen as prioricen e encaixen na estrutura do seu programa xeral para Ames, sempre e cando se comece polas medidas relativas á divulgación, cousa que xa poden comezar a facer apoiando o noso acto de presentación xunto cos outros grupos.

Tan só nos resta falar co grupo actualmente responsable do goberno municipal, o do Partido Popular, encabezado polo alcalde Santiago Amor. Xa enviamos a nosa solicitude de xuntanza, pero polo de agora sen resposta.

Xuntanza con Ames Novo acerca das medidas para un Ames pospetróleo

logotipo-ames-novoOnte, venres 13 de marzo, tivemos a segunda das nosas xuntanzas cos grupos políticos que se van presentar ás eleccións municipais en Ames. Desta volta foi a xente de Ames Novo con quen nos encontramos, no Café Babia do Milladoiro, nunha intensa reunión de dúas horas. Dado que varios dos participantes no encontro xa coñecían a cuestión do Teito do Petróleo —de feito presentaran con Véspera de Nada a Guía para o descenso enerxético hai uns meses—, a xuntanza estivo centrada en falar sobre as propostas concretas que lles levabamos e que xa tiña analizado polo miúdo a súa responsable de Sustentabilidade e Mobilidade, a ecosocialista Chus Boo. Ademais dela, estiveron presentes a nº 1 da lista e candidata á alcaldía, Pilar Candocia; Manel Pardo, nº 11 da lista; e Paulo Rendo, tamén membro de Ames Novo. Por parte de Ames Pospetróleo asistimos Emilio Román e Manuel Casal.

Como froito da conversa, habemos mellorar algunhas das propostas, para facer unha redacción máis clara e precisa. Tamén nos forneceron información de interese sobre algunhas cuestións sociais, problemas no rural, do sistema de xestión do lixo, dos Puntos Limpos, dos locais das escolas unitarias, do transporte, do proxecto Amorodo e outros temas que nos servirán para completar as medidas que estamos a lles propor a eles a a outros grupos políticos que aspiran a gobernar Ames. Tamén lles aclaramos que esas medidas non están estruturadas dunha maneira directamente trasladable aos programas de cada formación —o cal sería imposible— senón que máis ben son ladrillos, items individuais, meramente agrupados por áreas, para que despois eles debatan internamente, e vexan de incorporar dentro do seu programa dunha maneira coherente e adaptada ao resto do programa que presenten aos cidadáns. Ames Novo comprometeuse a facelo e xa adiantaron que comparten plenamente a “filosofía” das propostas e que, de feito, xa moitos dos puntos os tiñan no seu pre-programa.

Debatimos tamén acerca da necesidade de diferenciar o tema da sustentabilidade, non considerándoo nin a efectos prácticos de goberno nin tampouco simbólicos —como se presenta á cidadanía— como un área máis de goberno, senón que debería ser xerarquicamente “a base” de toda acción, dentro dunha formulación máis integral do goberno municipal e menos estruturada por áreas independentes. Pilar Candocia aclaraounos que, se gobernaban, ela xa ía levar un área como é a Social, ademais das responsabilidades de alcaldesa, e que a Sustentabilidade tiña que recaer noutroa persoa, neste caso Chus Boo, pero que iso non quitaba para que fose un área totalmente trasversal e que, mesmo máis, as accións de goberno das outras áreas pasarían necesariamente pola aprobación da concellaría de sustentabilidade, estabelecéndose así unha relación do tipo da que nós demandabamos, en coherencia cunha candidatura que se recoñece “de base decrecentista”.

Boa parte da xuntanza xirou en torno á factibilidade de determinadas medidas. Así, debatimos moito sobre a viabilidade de impulsar unha moeda local, ao estilo doutras que xa están a funcionar noutros lugares, que nós consideramos factible poñelo en marcha nos vindeiros catro anos pero eles veno con moito máis escepticismo e dúbidas sobre o seu funcionamento. Os e as representantes de Ames Novo incidiron en dificultades concretas para levar certas medidas no programa, no que non queren incluír “promesas” (aí coincidiron co que nos expresaran os representantes do PSOE), senón unha “filosofía de goberno”. Nós fixémoslles ver o difícil que é fiscalizar unha “filosofía” que non se plasme nun programa concreto de goberno e que a dúbida acerca de que vaian dispor dos recursos precisos para levar á práctica todas as medidas incluíbles nun programa, podería solventarse incluíndo unha serie de medidas básicas (o cal xa tiñan previsto) pero complementadas con outras que serían postas en marcha de maneira condicionada á dispoñibilidade de recursos. Afirmaron que non sabían como se habían atopar o concello, no caso de gañaren responsabilidades de goberno, e que polo tanto non sabían ata qué punto ían poder facer cousas, o cal os levaba a autolimitarse á hora de incluír medidas no programa. Tamén falaron de limitacións legais e de competencias que debían asumir outras administracións ou un futurible goberno metropolitano da comarca de Compostela.

Saiu a debate repetidamente a cuestión do tempo, do ritmo ao que se deberían aplicar as medidas propostas para preparar Ames para a vida sen petróleo. Eles reiteraron que tiñan que pensar a 4 anos vista, de maneira análoga ao que nos explicaron no PSOE, e nós fixémoslles ver que era preciso pensar a máis longo prazo e poñer as bases da resiliencia do concello agora que aínda se podía, e que posiblemente dentro de 4 anos as cousas terían mudado moito a peor no sentido de dispoñibilidade de recursos e emerxencia socioeconómica, baseándonos nos cálculos de, entroutros, os asinantes do Manifesto Derradeira Chamada. Se cadra non atopamos unha clara conciencia desta situación, do escaso tempo de que van dispoñer os gobernos municipais que emanen das eleccións de maio, para prepararen os seus municipios para uns impactos rapidamente agravados do Teito do Petróleo. Quixemos que fosen conscientes de que lles pode tocar gobernar Ames no lustro máis decisivo non só para este concello, senón para o conxunto da Humanidade.

Por suposto recae neles a responsabilidade de trasladar as medidas que lles propomos a un programa de goberno concreto e realista, e de comunicar axeitadamente á veciñanza de Ames a necesidade e características desas medidas, vendo nelas non só o seu carácter máis ou menos “vendible” ao electorado senón o seu carácter máis ou menos “preciso” para a situación de emerxencia histórica que estamos a vivir. Por suposto isto é unha enorme responsabilidade da que non debe fuxir ningún grupo que aspire a gobernar este ou outro concello, máxime cando saben do problema de fondo do devalar enerxético e da mudanza civilizatoria. Por iso animamos a Ames Novo, como a calquera grupo, a ter valor e imaxinación á hora de trasladar isto á acción de goberno municipal, aínda que eles coiden que teñen “unha capacidade limitadísima para mudar os hábitos da xente”. Aí concordamos en que eles deben un paso por diante da sociedade para promover a mudanza cultural necesaria, aínda que eles ven máis dificultades ca nós nese proceso e pensan nun proceso máis lento e paulatino do que nós coidamos necesario.

Agradecemos a Ames Novo a súa boa disposición e interese polas nosas propostas e ficamos á espera de coñecer cáles delas incorporan, con maior ou menor adaptación ou priorización ao seu programa. Tamén agradecemos que nos ofrezan manter as portas abertas a un diálogo permanente sobre estas cuestións a partir de agora e a tomar parte activa en todo o proceso participativo de elaboración do seu programa para gobernaren Ames.

Primeira xuntanza de Ames Pospetróleo cos grupos políticos de Ames: PSdeG

O pasado venres 6 de marzo tivemos a nosa primeira reunión cos grupos políticos cos que vimos contactando para presentar o noso colectivo e a batería de propostas coas que lles propoñemos que axuden a Ames se adaptar para a vida sen petróleo que temos á volta da esquina.

capa-guia-descenso-enerxetico-vespera-de-nada-galiza-sen-petroleo-BY-Antia-Barba-MarinhoPor parte de Ames Pospetróleo estivemos Emilio Román e Manuel Casal, promotores do colectivo, e por parte do PSOE de Ames asistiron o seu candidato a alcalde, José Miñones, e a concelleira Isabel González. Durante a extensa charla fixémoslle entrega ao candidato a alcalde dun exemplar da 2ª edición da Guía para o descenso enerxético publicada por Véspera de Nada agora hai apenas un ano, como referencia para que coñecese detalles acerca do problema co petróleo e as graves consecuencias que vai ter, libro que Miñones dixo había ler con interese. Despois pasamos a falar das medidas concretas que lles propoñemos incorporen ao programa. Eles falaron de que aínda estaban a tempo de incorporalas, pero que non sabían aínda se habería un programa ao uso, aínda que xa se poden atopar algunhas propostas no web do candidato.

Tamén nos falaron das medidas que durante os 8 anos en que estiveron no goberno de Ames poderían tomarse como punto de partida, así como da Axenda 21, que tamén sería un bo soporte. Falamos das dificultades para trasmitir a necesidade de certas medidas a unha poboación que descoñece na súa inmensa maioría que a crise actual non vai rematar nunca, que a mobilidade privada en coche ten os seus días contados, que a vida social e económica por forza se terá que contraer de novo ao local, e moitas outras consecuencias derivadas do Peak Oil. Atopamos que seguiron con interese as nosas explicacións e unha boa disposición a debater as medidas propostas dentro do seu grupo e ver a maneira de incorporar cando menos parte delas á súa acción de goberno en caso de formar parte do novo goberno municipal. Mesmo xordiu durante a conversa a idea dalgunha nova medida, así que a xuntanza xa foi frotífera en si mesma.

Polo nosa banda fixemos fincapé en que non pode ser derivado cara a unha determinada área —tipicamente, medioambiente— senón que debe ser asumido de maneira trasversal, sendo todos os membros do goberno municipal conscientes de en qué medida y aspectos lles vai afectar ás súas áreas a fin do petróleo barato e abundante, e coherentemente coordenado desde alcaldía. Lembrámoslles que desde a asociación de ámbito galego Véspera de Nada xa se tivera unha reunión co alcalde socialista Carlos Fernández en xaneiro de 2010 pero que non deu ningún froito, e tamén co concelleiro do PP Bernardo Moar en febreiro de 2012, con idénticos nulos resultados. Agardamos que agora a disposición sexa mellor tanto por parte do PSdeG como dos outros grupos políticos, cos que nos xuntaremos a falar do tema nos vindeiros días. Irémolo contando aquí, por suposto, para coñecemento da veciñanza amesá.