Entregamos o informe sobre os límites do crecemento ao alcalde José Miñones na nosa presentación no Milladoiro

20160617-cartaz-preparando-ames-sen-petroleo-w800Onte venres 17, celebramos no Centro Sociocultural do Milladoiro o noso segundo acto de presentación, que seguiu un esquema análogo ao que xa fixéramos en Bertamiráns.

Despois da proxección do didáctico documental de animación Non hai mañá, de Dermot O’Connor (que recibiu os eloxios xeralizados do público asistente), Xoán Doldán fixo unha breve presentación da asociación Véspera de Nada, no contexto da divulgación internacional que se vén facendo nos últimos anos acerca do problema derivado do Peak Oil ou Teito da extracción de petróleo, e explicou as súas repercusións na economía e como a crise económica (en boa medida producida polo propio devalar enerxético) ten postergado un tempo as peores consecuencias deste feito ineludible, nomeadamente os desabastecementos (de gasolina, alimentos e todo tipo de produtos dependentes para o seu trasporte ou fabricación) do ouro negro, do que como nos lembrou Doldán “cada vez hai menos”, como é lóxico nun material non renovable de orixe fósil. O momento a partir do que cada vez se vai poder comercializar menos cada ano, está xa aquí, comentaron desde a tribuna.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

O profesor Doldán falou tamén da Guía para o descenso enerxético, un libro para “prepara as galegas e galegos, as pequenas empresas e os concellos” para a fin do petróleo, como fora xestada e o notable éxito con que se veu distribuíndo desde a súa publicación en 2013.

Posteriormente presentouse a nova asociación local Ames Pospetróleo, “filla ou irmá pequena de Véspera de Nada”, como comentou o presentador e moderador do acto, Benxamín González. A presentación correu a cargo do seu presidente Emilio Román.

Antes de dar pé ao debate, o presidente de Ames Pospetróleo fíxolle entrega ao alcalde, José Miñones, dun exemplar da edición impresa do informe Limits revisited, encargado polo grupo que no parlamento británico está a estudar a cuestión dos límites ao crecemento e que foi traducida ao galego por Véspera de Nada ás poucas semanas da súa publicación en inglés. Precisamente o crecemento económico foi descrito como o principal problema da nosa sociedade para encarar o futuro tanto no documental Non hai mañá como na intervención de Xoán Doldán. Ao ser a nosa —en palabras do profesor de economía aplicada na USC e ex-director do INEGA— unha auténtica “petroeconomía”, é dicir, un sistema que só sabe medrar e que só o pode facer a base de petróleo, basicamente, o devalar da dispoñibilidade de petróleo para as nosas economías abócanos a un futuro “que pode ser moi dramático”.

O alcalde de Ames, José Miñones, recibe de Ames Pospetróleo o informe 'Limits revisited'. Foto: Ames Pospetróleo.

O alcalde de Ames, José Miñones, recibe de Ames Pospetróleo o informe ‘Limits revisited’. Foto: Ames Pospetróleo.

No debate, que foi intenso, entre membros do público xeral, de Ames Pospetróleo, Véspera de Nada, o alcalde e dúas concelleiras do grupo da oposición Ames Novo (Chus Boo e Pilar Candocia), falouse deste problema e das diversas perspectivas que se abren a nivel mundial, galego e local diante desta situación. O alcalde de Ames falou dalgunhas iniciativas que se están a poñer en marcha e afirmou, como xa fixera durante a nosa primeira xuntanza en 2015 con el, que nas etapas anteriores nas que o PSOE participara no goberno de Ames se fixeran cousas nese sentido, aínda que sen a percepción do conxunto da situación de devalar mundial de petróleo. Falouse tamén no debate na necesidade de promover non só o comercio senón tamén a produción local e dunha das medidas que Ames Pospetróleo recomendara nas súas xuntanzas previas ás eleccións municipais a todos os grupos políticos: elaborar unha guía completa dos produtores e produtoras de Ames, mais non só de alimentos senón de todo tipo de materiais e produtos, especialmente aqueles máis imprescindibles para a sociedade amesá.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo). Foto: Ames pospetróleo.

Tamén volveu saír, como no acto de Bertamiráns, o tema da divulgación do Peak Oil entre todos os sectores sociais de Ames, especialmente a xente máis nova; tamén se abordou a necesidade de volver a ollada ao rural, para rehabitalo (“se cadra máis que plans de urbanización os concellos tiñan que comezar a facer plans de ruralización”, comentou Doldán), para recuperar o sentido e prácticas comunitarias vivas até non hai moito no noso país e para coidalo como un elemento crítico para o futuro (“nunca na historia humana tanta xente se desvencellara da produción de alimentos, e hoxe en día a metade da humanidade vive en cidades e non se dedica a producir alimentos”).

Tanto Véspera de Nada como Ames Pospetróleo ofreceron a súa colaboración para traballar con todos os grupos políticos municipais e seguir dando pasos para a divulgación e coñecemento do problema, como paso conveniente para comezar a tomar medidas e que estas sexan comprendidas como algo necesario para un Ames con futuro.

Varias das persoas asistentes ao acto agradeceron a ambas as dúas entidades o seu labor altruista para a difusión desta cuestión, as súas publicacións e a dobraxe ao galego dunha película que recoñeceron é moi densa en información, moi ben feita e que explica dunha maneira accesible para todos os públicos o grave problema ao que nos enfrontamos. De feito, a gravidade é tal que o público asistente a este tipo de actos adoita cualificar ás persoas palestrantes de “pesimistas” ou mesmo “catastrofistas”: por ese motivo comentou Xoán Doldán a sorpresa que lle producía cando unha muller entre o público os cualificou de “optimistas”, facendo mención ao agravante do actual nivel de poboación mundial. No debate que se produciu a posteriori mencionáronse un par de traballos dun dos principais referentes mundiais nesta cuestión, o estadounidense Richard Heinberg; en concreto seu libro The Party’s over e o seu artigo “Diez pasos para reducir la economía sin quebrarla“, que fora traducida para a revista 15/15\15 precisamente polo membro de Ames Pospetróleo Benxa gonzález. En efecto, a festa (da exuberancia que trouxo a enerxía fósil) rematou, e esa mensaxe é moi difícil de trasmitir á sociedade (“ter que ser nós os que apaguemos a música”), pero en realidade pódese facer dunha maneira positiva e propositiva, pois “ben podemos vivir mellor despois do petróleo do que vivimos até o de agora” (Doldán).

ACTUALIZACIÓN: Repercusión do acto nos medios de comunicación

Advertisements

Acto de presentación de Ames Pospetróleo este sábado 4 de xuño en Bertamiráns

A Casa de Cultura da capital do noso concello acollerá este sábado pola mañá (ás 11:00 h) o primeiro dos actos de presentación da nosa asociación á sociedade amesá.

No evento (organizado coa colaboración do Concello de Ames e presentado pola xornalista especializada en temas medioambientais Rebeca Fernández Hermo) proxectaremos ademais o documental de animación Non hai mañá (There’s no tomorrow – Dermot O’Connor 2012) como didáctica explicación introdutoria ao problema do devalar enerxético, para abrir boca nesta xornada. A película dura media hora e é apta para todos os públicos.

capt-31-non-hai-manha-FRAG

capa-guia-descenso-enerxetico-vespera-de-nada-galiza-sen-petroleo-BY-Antia-Barba-MarinhoDespois Xoán Ramón Doldán, profesor de economía aplicada na USC, e vicepresidente da nosa asociación irmá Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, presentará o que vén facendo esta asociación irmá desde o seu nacemento en 2008 e a súa exitosa publicación Guía para o descenso enerxético (que xa vai pola 2ª edición e recentemente foi publicada tamén en catalán).

Posteriormente presentaremos a nosa asociación Ames Pospetróleo, as nosas actividades até o de agora e os nosos obxectivos, para abrir posteriormente un debate co público asistente.

preparando-ames-pospetroleo-para-evento-FB-1920x1080

Agardamos a presenza tanto do alcalde como do resto da corporación municipal. No acto, os membros da nosa asociación faranlle entrega ao alcalde de Ames dunha copia da tradución ao galego do informe Limits revisited, publicada recentemente por unha comisión especializada do Parlamento Británico.

(Facemos notar que este acto temos previsto repetilo tamén no Milladoiro o venres 17 ás 20:30, pero que debido a súa coincidencia coa campaña electoral, no está asegurada a súa celebración, pois podería ser solicitada a Casa de Cultura para ese mesmo día e hora por algún partido político, e segundo a lei electoral vixente, terían preferencia sobre o noso acto.)